Escoitar

BNG e PSOE demandan ao FROB que paralice a decisión de vender Novagalicia Banco por ser unha entidade financeira sistémica

Os votos de nacionalistas e socialistas aprobaron unha moción que reclama ao FROB paralizar a decisión de vender Novagalicia Banco por ser unha entidade financeira sistémica para Galicia. Así o acordaron durante a sesión plenaria desta mañá no debate dun texto nacionalista, que contou co voto contrario do PP, que tamén pide oporse ante o Goberno Central a calquera tentativa de venda a outra entidade que supoña a perda do seu vencello territorial con Galicia.

luns, 25 nov 2013
BNG e PSOE uniron hoxe os seus votos para defender a permanencia de Novagalicia Banco como entidade galega independente, segundo recolle a moción do BNG que defendeu a súa voceira, Iolanda Veloso, na sesión plenaria desta mañá. O texto, que contou cos votos contrarios do PP, demanda ao FROB que paralice a decisión de vender Novagalicia Banco por ser unha entidade financeira sistémica para Galicia ao tempo que insta ao oporse ante o Goberno Central ante calquera tentativa de venda a outra entidade que supoña a perda do seu vencello territorial con Galicia.

Tal e como explicou a voceira nacionalista, aprobouse demandar ao Congreso aprobar as reformas legais necesarias para que sexan consideradas sitémicas tamén as entidades financeiras con presenza significativa en ámbitos territoriais determinados, como o caso de NCG Banco, a fin de que se manteñan como entidades independentes cara ao futuro e con capacidade de decisión propia. En último termo, a moción tamén insta á Xunta a exercer as potestades que ostenta sobre NCG Banco para que as persoas adquirientes de participacións preferentes das extintas caixas de aforro poidan recuperar inmediata e integramente a totalidade dos seus aforros.