Escoitar

O goberno de Vigo aproba o proxecto de humanización dunha nova fase da Avenida das Camelias

Abel Caballero explicou que a reforma do treito entre a rúa Ourense e Doutor Marañón conlevará un investimento superior aos 1,2 millóns de euros e incluirá, xunto á reforma da superficie, a necesaria renovación das canalizacións de servizos soterrados, 900 metros liñais de abastecemento, saneamento e pluviais.

venres, 22 nov 2013
O proxecto de humanización aprobado hoxe polo goberno de Vigo prevé actuar en máis de 6.600 metros cadrados de superficie, substituíndo as beirarrúas e a calzada e instalando xardineiras, novos puntos de luz, bancos e papeleiras, como é habitual.

Abel Caballero asegurou que a necesaria renovación das canalizacións de servizos soterrados da Avenida das Camelias, con décadas de antigüidade, acadará case o quilómetro de novas redes de abastecemento, saneamento e pluviais.

Emprego
A Xunta de Goberno Local deu asemade luz verde ao convenio con PSA Peugeot-Citröen polo que o Concello achega 250.000 euros para potenciar o emprego na factoría de Vigo. Esta iniciativa forma parte do Plan de Emprego do Concello de Vigo para este ano, que está a xerar "miles" de contratacións, segundo afirmou o rexedor.