Escoitar

Continúa o ciclo ‘Material Memoria’ no MARCO

Esta fin de semana continúa no Patio 1 da planta baixa do MARCO ‘Material Memoria’, o programa de artes escénicas e cine comisariado por Pablo Fidalgo Lareo dentro da exposición VERANEANTES. Nesta ocasión, proxectarase a película Arraianos, de Eloy Enciso, que será presentada polo propio autor.Dobre pase: venres 22 e sábado 23 de novembro, ás 19.30 Patio 1 (planta baixa) ENTRADA GRATUÍTA. Prazas limitadas<br />

xoves, 21 nov 2013
1385040150arraianos.jpg
Neste retrato sobre un pequeno pobo perdido nos bosques entre Galicia e Portugal, momentos de ficción conviven co cotián dos seus habitantes, os arraianos, agora actores que representan a súa propia vida. Realidade, mitos e soños fúndense neste filme libremente inspirado na obra O bosque, do dramaturgo Jenaro Marinhas del Valle. Unha película sobre o tempo, a memoria e a musicalidade da palabra.

Nacido en Meira (Lugo), Eloy Enciso estudou dirección de documental na Escola Internacional de Cinema de San Antonio de los Baños, Cuba. Tras as súas primeiras curtametraxes, en 2007 completa a súa primeira longametraxe, Pic-nic, que participa en festivais internacionais e obtén premios dentro e fóra de España. O seu último traballo, Arraianos (2012), tivo un amplo percorrido por festivais de referencia internacional como Locarno, Viennale, Doclisboa, Montreal, BAFICI ou Sevilla, obtendo nestes dous últimos o premio á mellor película. Eventualmente traballa como programador de cinema ou impartindo obradoiros e cursos na materia. Antes de dedicarse ao cinema, graduouse en Ciencias Ambientais.
Descargar todas as imaxes