Escoitar

O goberno local contrata por dous anos a teleasistencia domiciliaria para 550 maiores

Así o comunicou este venres o alcalde, despois de ser aprobada na Xunta de Goberno Local a clasificación de ofertas para a contratación, por un importe de 90.000 euros anuais, deste servizo. Caballero recordou que o Concello asumiu este ano a teleasistencia tras a decisión da Deputación de deixar de prestalo.

venres, 22 nov 2013
Este venres, o goberno de Vigo adxudicou inicialmente a Eulen o servizo de teleasistencia domiciliaria para os próximos dous anos, por un importe de 90.000 euros anuais. O alcalde informou desta decisión que permitirá que uns 550 maiores da cidade que viven sós poidan contar cun sistema de aviso ás emerxencias, en caso de necesidade.

O Concello de Vigo decidiu asumir o coste e prestación da teleasistencia este ano, despois de que a Deputación de Pontevedra "abandonarao", en verbas do alcalde, deixando aos usuarios en Vigo sen este servizo.

Áreas biosaudables
Por outra banda, o rexedor vigués informou da contratación do mantemento das áreas biosaudables e deportivas ximnásticas da cidade, acordada pola Xunta de Goberno Local celebrada esta mañá. O Concello adicará máis de 24.000 euros á conservación dos 46 espazos biosaudables presentes en Vigo, unha cifra que Caballero contrastou coa única existente á súa chegada ao goberno da cidade, en 2007.