Escoitar

O goberno local convenia a celebración do Magosto no Berbés e autoriza o EnlazaVigo contra a violencia de xénero

Abel Caballero informou dos asuntos abordados hoxe xoves na Xunta de Goberno Local, onde se aprobou o convenio coa Federación de Peñas Recreativas El Olivo para a realización do tradicional magosto na Praza do Berbés. Tamén se autorizou unha nova edición do EnlazaVigo, acción para loitar contra a violencia machista.

xoves, 31 out 2013
O goberno local achega 7.500 euros á Federación para a celebración da tradicional festa do magosto, unha "institución" na cidade, que terá lugar na Praza do Berbés, unha actividade de dinamización do casco histórico vigués.

O Concello tamén autorizou a edición deste ano do Enlaza Vigo, a iniciativa municipal contra a violencia de xénero que se realizará entre o 21 e o 27 de novembro. Desenvolverase un "gran mosaico humano" entre Colón e Urzáiz, formado por rapaces de colexios da cidade para erguer "un gran clamor" contra a violencia machista, segundo apuntou.

Xerencia de Urbanismo
Na sesión deste xoves deuse conta da concesión dunha axuda para a rehabilitación de dous andares nun edificio na rúa Elduayen, para un investimento total de 50.000 euros. Tamén se deu conta de 31 autorizacións para inversión por valor de millón e medio de euros, entre as que o alcalde salientou a concedida a Mercadona, para o seu establecemento na Avenida de Madrid.