Escoitar

O Pleno aproba un plan para potenciar Peinador e reclama financiamento autonómico

A proposta levada ao Pleno polo alcalde de Vigo saiu adiante hoxe luns co apoio do PSOE e do BNG, grupo que engadiu o seu propio texto, e a abstención do PP. O acordo pasa por potenciar as rutas con Madrid, Barcelona e París, incorporar destinos transversais nacionais, recuperar Londres e Bruxelas e implantar Munic.

luns, 5 ago 2013
Segundo detalla tanto a proposta do alcalde como a emenda nacionalista, ambas aprobadas, os fondos necesarios para levar adiante o plan procederían da Xunta de Galicia, que aportaría a mesma cantidade que concedeu ao aeroporto de Lavacolla nos dous últimos anos, dous millóns de euros, máis o que poida achegar ás terminais galegas no 2014. De non ser suficiente, A Deputación de Pontevedra e o Concello de Vigo asumirían, ao 50%, a cantidade restante.

O acordo plenario tamén deixa claro que "o Concello de Vigo aceptaría unha política baseada na inexistencia de axudas directas ou indirectas a ningunha compañía aérea nin aeroporto por parte de institución algunha sempre e cando se resarza ao aeroporto de Vigo do diferencial de axudas non recibidas nos anos 2012 e 2013".