Escoitar

O Concello programa A Noite Branca o 9 de agosto, con actividades especiais nos museos

Abel Caballero presentou este venres no MARCO de Vigo esta iniciativa cultural que ampliará ata as dúas da madrugada o horario dos principais recintos expositivos de Vigo e programa, desde as 19:30 horas, varios concertos, novas exposicións e visitas guiadas e teatralizadas ata as 02:00 horas.

venres, 2 ago 2013
1375444641noitebranca.JPG
O alcalde explicou que esta proposta está encadrada na oferta municipal de "Vigo en Festas 2013", se desenvolverá o 9 de agosto e pretende salientar o patrimonio e actividades do centros que forman parte da Rede Museística e Expositiva do Concello de Vigo (Museo "Quiñones de León", Verbum-Casa das Palabras, Pinacoteca "Francisco Fernández del Riego", Casa Galega da Cultura, Casa das Artes, Fundación Laxeiro, MARCO-Museo de arte contemporánea de Vigo, Museo Liste-Etnográfico de Vigo e CAT-Centro de Artesanía Tradicional) dende unha perspectiva máis novidosa, nun horario amplo e singular, procurando maiores atractivos para a cidadanía viguesa e para as persoas que visitan a cidade nestas datas.

A oferta, aberta a todo tipo de público, realízase seguindo criterios de gratuidade, participación da cidadanía, sustentabilidade e novidade. A Noite Branca supón a ampliación do horario normal de funcionamento dos centros citados ata as 02:00 h (madrugada do sábado); ademáis, inclúe unha serie de actividades paralelas:

- Visitas guiadas, nos horarios indicados, tanto nos centros museísticos e expositivos como no xardín histórico do Pazo-Museo "Quiñones de León".

- Visitas teatralizadas no Museo "Quiñones de León" e na Fundación Laxeiro.

- Inauguración de exposicións: "NOWHERE. Propostas fóra de lugar"", na Casa das Artes.

- Concertos musicais na Casa das Artes (Fluzo-19:30 h e Dj Javier Álvarez-00:00 h), no xardín da solaina de Concepción Arenal do Pazo de Castrelos (Orquestra VIGO 430, 21:00 h), na terraza do Verbum-Casa das Palabras (GazzFunkdation e Antía Otero, 22:00 h) e no contorno do Marco-Príncipe-rúa Londres (V-go!Negro Son Coro&The V-Goers Soul Train e Mr. Vudú, 23:00 h).

Ademáis, segundo adiantou o alcalde, o goberno local ofertará o bus turístico con guía turística oficial, con saídas ás 21:00 h (Porta do Sol con destino ao Museo "Quiñones de León", con parada no Verbum) e ás 23:00 h (á inversa, parando tamén no Verbum); o prezo será de 2 € ida ou volta, e de 3 € para o billete de ida e volta.

Por último, Caballero agradeceu que as asociacións de comerciantes do Casco Vello e da zona Progreso se sumen a esta iniciativa coa apertura dos seus estabrecementos nese horario.
Descargar todas as imaxes

Máis información