Escoitar

Caballero asegura que o goberno local "potenciará todavía máis o deporte de base"

O alcalde felicitou este martes a un grupo de deportistas da cidade, todas mulleres, que veñen de conseguir éxitos en disciplinas como a esgrima, o ciclismo, a ximnasia acrobática e o atletismo. Abel Caballero avanzou que o Concello incrementará o apoio ao deporte vigués ante a caída do patrocinio privado.

martes, 16 xul 2013
1373975510deportistas.JPG
O alcalde recibiu esta mañá a un grupo de deportistas viguesas para felicitarlles polos éxitos recentemente acadados nas súas disciplinas de esgrima, ciclismo, ximnasia acrobática e atletismo, tras o que anunciou a decisión do goberno que encabeza de "potenciar todavía máis o deporte de base" para "ocupar o espazo" deixado pola saída dos patrocinios privados.

Caballero recibiu a María Mariño e Judith Rodríguez, ambas pertencentes ao Club Esgrima El Olivo. Mariño é campiona de España absoluta en florete feminino individual e por equipos, ademais de subcampiona junior por equipos e campiona de España junior en modalidade individual. Judith, pola súa banda, adxudicouse en florete femenino o campionato de España absoluto e o subcampionato junior, ambos por equipos.

Outra das deportistas felicitadas polo alcalde foi Paula Sanmartín, do Club Ciclista Vigués Autronic, campiona galega contrarreloxo en categoría feminina cadete. Carmela Cardama e Soledad Castro, do Comesaña Sporting Club de atletismo, son respectivamente medalla de ouro no Campionato de España xuvenil e primeiro posto entre as veteranas no Campionato de España de montaña.

Abel Caballero tamén quixo salientar o éxito "notable" do Club Flic Flac de Ximnasia Acrobática, onde as viguesas Jael Vázquez (adestradora), Paula Lago, Belén Gómez, Naiara Díaz e Iria Paz representarán a España no próximo campionato europeo da disciplina. A entidade solicitou ao alcalde, segundo o propio Caballero revelou, unha instalación deportiva permanente.
Descargar todas as imaxes