Escoitar

O goberno local encarga 12 proxectos de melloras nas rúas por valor de 4,6 millóns de euros

A Xunta de Goberno local decidiu encargar 12 proxectos de actuacións en distintas rúas de Vigo por un importe de 4,6 millóns de euros. O rexedor destacou que ademais de renovar a cidade, estes investimentos keynesianos xerarán centos de postos de traballo.

venres, 26 abr 2013
O goberno local investirá 4,6 millóns de euros nunha ducia de actuacións de mellora de rúas que a Xunta de Goberno ven de aprobar nunha sesión extraordinaria. Tal e como avanzou o rexedor, acometeránse traballos nas seguintes zonas da cidade: na rúa Tomás Alonso, en Bouzas,( 620.000 euros); na rúa Moaña, en Coia (550.000 euros), nun tramo da rúa Areal (60.500 euros), na rúa Canceleiro (250.000 euros); na rúa Pontevedra (400.000 euros); na zona de Isaac Peral (45.000 euros); en Serafín Avendaño (498.000 euros); na rúa Boán (208.000 euros); en Alvaro Cunqueiro (1,6 millóns), en Mestre Chané (310.000 euros), entre outras.

Durante a rolda de prensa, Caballero puxo en valor os centos de empregos que se van crear na cidade, "seguindo políticas keynesianas que permiten ter unha cidade moderna e sostible ao tempo que se crea emprego. Facemos economía de presente e de futuro", dixo.

Caballero tamén deu conta da adxudicación da contratación do servizo de limpeza da Casa do Concello e do resto de dependencias municipais. A empresa adxudicataria é Linorsa, cun importe de adxudicación de 1.717.604 euros anuais por un período de 4 anos. Neste tempo o Concello aforrará 667.000 euros con respecto ao custo actual, en verbas de Caballero.

Na Xunta de Goberno desta mañá, tamén se aprobou a contratación do servizo integral de teleasistencia do Concello, por un importe de 62.000 euros, un servizo, dixo o rexedor, que a Deputación e o Imserso suprimiron, deixando "tiradas" a 600 persoas maiores. Nos próximos seis meses, puntualizou, o Concello sacará o concurso definitivo.

O goberno local procedeu, asimesmo, á revisión ordinaria do prezo do contrata de instalación e mantemento de colectores e papeleiras, a cargo da empresa Contenur. Segundo o contrato, corresponderíallesunha suba do IPC, un 3,4%, pero, tal e como explicou Caballero, a empresa renuncia a esta actualización de prezos, que permite un aforro de 100.000 euros ás arcas municipais e "nós queremos recoñecer este xesto nunha época difícil como a que estamos a vivir".