Escoitar

Caballero destaca a "cooperación" entre entidades culturais para impulsar "Bosquexos do Mundo", a nova mostra do MARCO

O alcalde puxo en valor o nutrido elenco de artistas -máis de veinte- que dan forma a "Bosquexos do Mundo", a exposición inaugurada este venres na planta baixa do MARCO -e aberta ata o 15 de setembro-, que chegará posteriormente a Santiago e A Coruña, froito da colaboración co Auditorio de Galicia e a Fundación Luis Seoane.

venres, 19 abr 2013
1366372746marco.JPG
Abel Caballero presidiu este venres a apertura dunha nova mostra expositiva no Museo de Arte Contemporánea de Vigo, salientando o "excepcional" da mesma e a "mostra de cooperación" co Auditorio de Galicia e a Fundación Luis Seoane.

'O BOSQUEXO DO MUNDO' é unha exposición colectiva comisariada por Anxo Cerviño e Alberto González-Alegre, e coproducida polo MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, o Auditorio de Galicia, e a Fundación Luis Seoane. Unha aposta polas mostras de produción propia que se fai extensible aos tres centros, como nova experiencia de coprodución e traballo en rede. Unha vez clausurada no MARCO, a mostra viaxará ás outras dúas sedes, en Santiago de Compostela e A Coruña, respectivamente.

O título da exposición sérvese da ambigüidade e riqueza do termo 'bosquexo', como proxecto ou apuntamento previo á execución dunha obra, e tamén como imaxe mental, como idea latente na mente do artista e no seu ámbito de traballo. Nun labor conxunto de investigación e diálogo cos artistas, os comisarios achegáronse a cada un dos talleres e lugares de produción, para seleccionar ou rescatar toda unha serie de materiais que son parte esencial da estrutura das obras, e que achegan novas lecturas e tamén novos interrogantes sobre a súa orixe e significados.

Así, xunto a obras en distintos soportes, a mostra componse sobre todo de apuntamentos, bosquexos, e pezas inacabadas. 'O BOSQUEXO DO MUNDO' trae ás salas do Museo un conxunto de útiles e documentos -obxectos, cadernos de notas, esquemas, recortes de prensa, vídeos, fotografías, repertorios de imaxes, textos propios e alleos, xestos e materiais encontrados... - que se sitúan na base ou, por así dicir, na zona de influencia de cada artista, do seu quefacer e do seu particular visión do mundo.

A selección abrangue varias xeracións, dende artistas que iniciaron a súa traxectoria nos anos oitenta, ata os máis novos, nacidos a principios desa mesma década, ou na inmediatamente anterior, nos setenta. Autores que traballan nos máis variados ámbitos creativos, utilizando técnicas e materiais -debuxo, gravado, pintura, colaxe, escultura, fotografía, vídeo, instalación...- que en ocasións funcionan como método de investigación, como soporte ou material de apoio para as obras.

Unha montaxe que pon en escena o status ambiguo do 'bosquexo': camiña cara á obra pero non é obra aínda... ou quizais xa si".
Descargar todas as imaxes