Escoitar

O goberno local apoia a XVIII edición dos Xogos Autonómicos de Fútbol Sala de Special Olympics

A concelleira de Política de Benestar, Isaura Abelairas, e o edil de Deportes, Manel Fernández, respaldaron hoxe xoves a Special Olympics Galicia na presentación no Concello de Vigo dunha nova edición dos seus xogos, que terán lugar o sábado nas Travesas. No evento daranse cita 300 deportistas con discapacidade intelectual.

xoves, 18 abr 2013
1366284924special.JPG
Isaura Abelairas e Manel Fernández, no nome do goberno local, respaldaron hoxe xoves aos responsables de Special Olympics Galicia na presentación dos XVIII Xogos Autonómicos de Fútbol Sala, cita que reunirá este sábado a 300 deportistas con discapacidade intelectual nas instalacións municipais das Travesas.

En total, o evento reunirá a 19 asociacións de toda Galicia que desprazarán a un total de 300 deportistas con discapacidade intelectual e 79 adestradores. Como é habitual nas xornadas deportivas organizadas por Special Olympics Galicia, o papel do voluntariado volverá a ser fundamental á hora de facer realidade este tipo de eventos deportivos, contando nesta ocasión con 55 voluntarios que apoiarán aos deportistas e á organización. Sumando o persoal da organización, Protección Civil, Policía e a Cruz Vermella, 457 persoas están involucradas nos Xogos Autonómicos deste sábado.

Finalizados os xogos, levarase a cabo a entrega do Premio ás Boas Prácticas no Deporte, destinado a enxalzar o comportamento daquela entidade que destaque pola súa deportividade e respeto ás normas e aos seus compañeiros. Cada entidade dispón dun único voto, que efectúa un deportista en nome de tódolos seus compañeiros. O premio, pretende valorar unha serie de boas prácticas entre as que se inclúen o cumprimento das normas, a nobreza na práctica deportiva, o xogo limpo e o compañeirismo así como o predominio do sentido deportivo e o respeto a árbitros, voluntarios, delegados e compañeiros.

O XVIII Xogos de Fútbol Sala están organizados por Special Olympics Galicia, en colaboración co Concello de Vigo, e promovidos pola asociación San Francisco.
Descargar todas as imaxes