Escoitar

O Pleno pide retirar o borrador da nova lei local por "abrir a porta" á privatización de servizos

A Corporación de Vigo aprobou hoxe luns, en sesión plenaria, instar ao Goberno de España a retirar o anteproxecto de lei de reforma da administración local. Socialistas e nacionalistas rexeitan un texto que ten a oposión dos concellos e non supón unha mellora en termos de eficiencia, financiamento e servizos.

luns, 25 mar 2013
Tanto a voceira do grupo municipal do BNG, Iolanda Veloso, como o seu homólogo socialista no Concello, Carlos Font, defenderon a retirada deste borrador de lei que ultima o goberno de Rajoy por ser "o contrario" a racionalizar as administracións a "abrir a porta" á privatización dos servizos.

Advertiron nas súas intervencións perante o Pleno da Corporación da posibilidade que abre este anteproxecto de que os municipios, principalmente os pequenos, sexan "gobernados polas deputacións ou intervidos", e verse coas "mans atadas" para prestar servizos, en verbas de Veloso.

Socialistas e nacionalistas rexeitaron o traspaso de recursos económicos dos concellos ás comunidades autónomas para financiar servizos, reclamaron a desaparición das deputacións provinciais e financiamento para que os municipios poidan prestar servizos. O Partido Popular reclamou propostas construtivas e avogou por mellorar o borrador coas aportacións das federacións galega e española de municipios.

A moción aprobada foi a presentada polo BNG, que saíu adiante co respaldo do grupo socialista e a oposición do Partido Popular, despois de ser debatida en conxunto con outra sobre a mesma cuestión elevada ao Pleno polos socialistas.