O Pleno ratifica a proposta unánime de conceder a Medalla da Cidade á Xunta Local de Vigo da Asociación Española contra o Cancro
Un Pleno extraordinario aprobou hoxe luns as propostas dos distintos grupos políticos para Medalla de Vigo e Vigueses Distinguidos deste ano. O máximo galardón, tal e como propuxeron os grupos, recaerá sobre a Xunta Local de Vigo da Asociación Española contra o Cancro, mentres que Carlos Oroza, Antonio Romero Lorenzo, Gumersindo Espiña Campos, o colexio Compañía de María, Antón Piñeiro Lorenzo, a FAVEC e a Sociedade Deportiva Atlántida de Matamá serán os distinguidos deste 2013.
Os tres partidos políticos con representación no Concello de Vigo -PP, PSOE e BNG- aprobaron por unanimidade a concesión da Medalla da Cidade e dos Vigueses Distinguidos deste ano, galardonando coa máxima distinción á Xunta Local da Asociación Española contra o Cáncro. Durante un Pleno extraordinario, os votos dos corporativos avalaron as propostas de cada grupo para Vigués Distinguido, ademais dun sétimo de común acordo que nesta ocasión é a Sociedade Deportiva Atlántida de Matamá. O PSOE propuxo a Carlos Oroza e Antonio Romero Lorenzo, mentres que o PP, nomeou a Gumersindo Espiña Campos e ao Colexio Compañía de María. Por último, tamén obtiveron luz verde as dúas propostas do BNG: Antón Piñeiro Lorenzo e a Federación de Asociacións de Veciños "Eduardo Chao". A gala de entrega terá lugar o próximo mércores, 27 de marzo, ás 20 horas no Centro Cultural Novacaixagalicia.