Escoitar

O Concello esixe á Xunta de Galicia o mantemento dos fondos adicados ao comedor escolar

O Pleno validou hoxe luns unha moción que rexeita "os recortes" nos comedores dos centros públicos e solicita ao goberno autonómico a retirada dunha medida que incrementará un 40% o prezo e conlevará que 3.000 escolares vigueses paguen pola comida desde o próximo curso, segundo denunciou a edil de Educación.

luns, 25 mar 2013
O texto -aprobado cos votos dos grupos municipais socialista e nacionalista e a oposición do Partido Popular de Vigo- acorda un "rexeitamente contundente dos recortes" no comedor escolar e esixe da Consellería e do propio presidente da Xunta de Galicia "o mantemento dos fondos destinados a comedores".

A moción censura que a Xunta de Galicia xa rebaixou o pasado ano a achega para o comedor escolar, recorte do que se fixo cargo o goberno de Vigo, e agora presentou unha reforma do sistema de copago que incrementa un 40% o prezo medio do comedor e conlevará que 20.000 nenos que hoxe comen de balde pasen, desde o próximo curso, a ter que pagalo, afectando a 3.000 escolares vigueses.

Sanidade
Outra moción, presentada polos socialistas e co respaldo do BNG para a súa aprobación, demanda da Xunta de Galicia que "deixe de penalizar ao área sanitaria de Vigo" e que Pontevedra e o Salnés "volvan ter coma referencia para ciruxía cardiaca" a unidade do Meixoeiro.

En segundo lugar, o acordo solicita a anulación da "disminución orzamentaria" prevista para a unidade, "que se mellore a dotación dos Servizos de Urxencia" e que se publiquen "datos reais e verificables" sobre a situación das listas de espera. Sobre este último asunto, o edil socialista Cayetano Rodríguez, antigo responsable do SERGAS, desvelou que a cifra en Vigo ascende hoxe a 18.608 persoas en espera, polos menos de 12.000 do ano 2009.