Escoitar

O alcalde apela ao diálogo para chegar a acordo co Porto polo canon do túnel de Beiramar

Abel Caballero reiterou hoxe venres a vontade de diálogo do Concello para buscar acordos respecto as taxas polo uso do túnel de Beiramar, propoñendo un encontro entre a directora da Autoridade Portuaria e o concelleiro de Fomento. Tal e como explicou o rexedor, a Xunta de Goberno Local deu conta hoxe luns do recurso de reposición contra estas liquidacións realizadas polo organismo portuario.

venres, 22 mar 2013
A Xunta de Goberno Local deu conta do recurso de reposición contra as liquidacións realizadas pola Autoridade Portuaria de Vigo polas taxas de ocupación dos túneles de Beiramar. Durante a rolda de prensa, o rexedor apelou de novo ao diálogo para chegar a un acordo respecto aos 150.000 euros que o Concello paga pola utilización privativa de dominio público portuario. Caballero reiterou o ofrecemento de que o concelleiro de Fomento se reúna coa directora do Porto, "unha magnífica profesional" para chegar a acordos.

Sen deixar a Autoridade Portuaria ou máis concretamente o tráfico portuario, Caballero avanzou que o Concello, tal e como lle solicita a empresa Censa, vai podar árbores da Gran Vía para facilitar o paso, o próximo 4 de abril, dunha peza de 9 metros de alto por outros tantos de ancho que non podería acceder ao Porto por ningún outro sitio da cidade. Trátase, apuntou, dunha empresa de 250 traballadores, que asumirá o custo da poda, que rondaría os 10.000 euros e para a que o Concello vai despregar uns 35 axentes da Policía Local. O alcalde explicou que o Concello accede a esta petición en favor dos postos de traballo da empresa, da actividade do Porto, e unha vez que os técnicos garanten que as árbores non sufrirán dano algún.