Escoitar

O Pleno da Corporación solicita un estudo sobre o consumo de auga na cidade

Todos os grupos políticos coincidiron esta mañá ao votar unha moción <i>popular</i> que insta ao Goberno municipal a presentar un estudo do consumo de auga na cidade. Tamén obtivo apoio unánime outra das iniciativas do PP, neste caso unha moción que instaba a poñer en marcha do estudo de gravación de Vigosónico.

luns, 25 feb 2013
A Corporación decidiu por unanimidade instar ao Goberno municipal a presentar nun prazo dun mes o estudo correxido e actualizado do consumo de auga na cidade. A moción defendida polo PP solicita, a súa vez, unha proposta que permita a facturación por consumo real.

Outra das mocións aprobadas durante a sesión plenaria desta mañá solicita poñer en marcha o Estudio de Gravación de Vigosónico. Defendido polo PP e apoiada polo resto de grupos, o texto, destaca a necesidade de que esta instalación sexa posta a disposición das salas de ensaio de Vigosónico, así como dos colectivos musicais da cidade. A concelleira de Xuventude, Chus Lago, argumentou que todas as peticións que se recollen na moción xa están en marcha, enumerando todas as actividades que se desenvolven nesta dotación municipal.

Tamén por unanimidade recibiu luz verde outra moción popular, neste caso referida á política cultural do Concello. Os votos de todos os corporativos avaliaron a petición de instar ao goberno municipal a apoiar distintos festivais culturais, así como cumpir o acordo plenario de redactar un plan de acción cultural.