Escoitar

O Concello demanda a Feijóo "cooperación activa" para que Barreras constrúa o flotel de PEMEX

A moción, presentada polo PSdeG, enmendada e apoiada polo BNG, reclama ao presidente da Xunta de Galicia que medie para conseguir os avais que precisa o estaleiro vigués para ensamblar o buque. O acordo insta ás administracións central e autonómica a garantir a viabilidade e o emprego no naval.

luns, 25 feb 2013
O Pleno da Corporación Municipal de Vigo aprobou hoxe luns, cos votos favorables de socialistas e nacionalistas e a oposición do PP, esixir ao presidente da Xunta de Galicia "cooperación activa" co estaleiro vigués H.J. Barreras para conseguir os avais para que poida construir o flotel de PEMEX, despois de que Núñez Feijóo puxera sobre a mesa a posibilidade de que sexa Navantia, en Ferrol, a encargada de facelo.

Unha enmenda do grupo municipal do BNG insta aos gobernos de Santiago e Madrid a que "adopten todas as medidas necesarias para garantir a viabilidade e o futuro do sector e o mantemento dos postos de traballo".

Outros acordos
Os socialistas presentaron outras dúas propostas ao Pleno que foron aprobadas na sesión deste luns. Por unha banda, e sobre Samil, a Corporación acordou por unanimidade requerir ao Estado a asunción do proxecto de recuperación do areal -elaborado polo Ministerio de Medioambiente co anterior goberno- e "comprometer a súa execución nos prazos que, de común acordo, se fixen co Concello desta cidade". En paralelo, e enmendado polo Bloque, a moción demanda ao goberno local recuperar e manter o litoral vigués e a "continuidade nos paseos costeiros, o que precisa executar proxetos globais para todas as parroquias, incluída a de Alcabre".

En segundo lugar, outra moción do grupo municipal do PSdeG insta á Xunta de Galicia a que "se comprometa a apoiar ao aeroporto de Vigo de forma decidida, prolongada no tempo e, polo menos, en igualdade de condicións co resto dos aeroportos galegos", xunto a activar unha "política de axudas" dotada de 23 millóns de euros que Peinador deixou de percibir nos últimos anos, "en clara discriminación á cidade de Vigo". Os nacionalistas engadiron demandar ao goberno autonómico a elaboración e publicación "de xeito urxente" dun Plan de Coordinación e Complementariedade das tres terminais "co fin de crear un amplo consenso que axude á potenciación do sistema aeroportuario galego". A moción foi aprobada por BNG e PSOE coa oposición do Partido Popular.