Escoitar

O Concello reclama a Porriño máis de 2 millóns de euros de débeda polo servizo de auga

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou estes venres do acordo do goberno local para reclamar ao Concello de Porriño que salde a débeda coa concesionaria da auga de Vigo, Aqualia, superior aos dous millóns de euros por impago de recibos desde 1998.

venres, 6 xul 2012
Abel Caballero recordou que o 20 de abril de 2009 os concellos de Vigo e O Porriño acordaron que este abonaría os recibos bimensuais de Aqualia e presentaría un plan de pagos para facer fronte á débeda anterior, iniciada en 1998.

Segundo explicou, o municipio fixo fronte únicamente ao primeiro recibo e este ano, en virtude da normativa estatal de pago a proveedores, pagou outras sete facturas. Aínda así, O Porriño adebeda 2.089.000 euros que tería que costear o resto de concellos que perciben o servizo.

Tráfico
Ante os medios de comunicación, o alcalde vigués tamén informou da decisión do goberno de permitir o dobre sentido de circulación en Sanjurjo Badía, entre Enrique Lorenzo e Purificación Saavedra, desde o luns e mentres duren os traballos de humanización no primeiro dos viais.

Caballero indicou que trátase dun cambio "provisional" motivado polas obras e alongarase ata que estas rematen, mais o Concello estudará entón a conveniencia de deixalo definitivamente de dobre sentido, xa que foi solicitado por veciños da zona.