Escoitar

A Magnifique Bande dos Homes sen Medo toma as rúas dentro do programa de Imaxina Sons o xoves 28 de xuño

A Magnifique Bande dos Homes sen Medo comeza a súa participación no 8º Festival de Jazz de Vigo o xoves 28 de xuño. O grupo de pasacalles permanecerá na cidade até o sábado 30 de xuño, brincando e bailando polas rúas. O xoves 28 ofrecen catro actuacións: ás 11h na Estación da Ría, ás 13h na Praza de América, ás 17h no Príncipe e ás 19h na Praza de Compostela. A Magnifique Bande dos Homes sen Medo está formada por Miguel Paz, caixa, Alex Salgueiro, bombo e charles, Abel Leonardo, guitarra electrica, Óscar "Bochu" Barcala, Tuba, Olivier Cano, saxo alto, Martiño, saxo tenor e Manu Paino, trompeta.

mércores, 27 xuñ 2012
1340793304pasacalles.jpg
Desde o seu nacemento, alá por 2008, A Magnifique Bande dos Homes sen Medo percorreron xa máis de medio cento de festivais e eventos musicais en Galicia. E, como eles din, sen grandes queixas nin reclamacións. Defínense como unha "non charanga" xa que unha "non charanga" é unha banda de vento e percusión que non toca nin pasodobres, muiñeiras ou cumbias. Sen complexos interpretan temas de jazz, rock&roll, dixie e funk, todo isto amenizado por gags humorísticos e divertidas coreografías. Elegantes e festiva, a banda aséntase nunha sección rítmica de bombo/charles e caixa, apoiada pola poderosa base da tuba e da guitarra eléctrica. E complétase na dianteira con saxos tenor e alto e trompeta.

O 8º Festival de Jazz de Vigo Imaxina Sons inclúe no seu programa a esta peculiar troupe. Ollo a que nos din: "Se a Magnifique visita a súa vila eviten saír á rúa, pois calquera que entre en contacto coa súa música arríscase a perder a vergoña, modais e reputación, poñéndose a brincar e bailar coma un endemoñado. Se aínda así deciden correr o risco, recomendámoslles non
perdan de vista a carteira en presenza dos incorrexibles -mais, no fondo, encantadoresmaleantes que forman a Magnifique…". Non será para tanto. Ou si? En calquera caso, quen dixo medo?
Descargar todas as imaxes

Máis información