Escoitar

O concelleiro de Deportes anima a acudir ao Celta-Oporto da Liga Indoor, coa mellor clasificación para cuartos en xogo

O Celta xogará este venres (20:45 horas, As Travesas) por vez primeira na súa historia contra o Porto na Liga Fertiberia de fútbol indoor. Coa mellor clasificación para cuartos de final en xogo, o concelleiro de Deportes, Manel Fernández, amosou a súa "satisfacción" porque o partido "é un gran acontecemento". Na súa segunda participación no campionato, os celestes entran no play-off.

martes, 27 mar 2012
1332849405celtaindoor.jpg
As Travesas vivirá un partido internacional de fútbol indoor que "non hai moitos anos podía ser un de Champions", lembrou o excéltico e internacional Jorge Otero durante a presentación do encontro no Concello. O Pavillón Central do IMD recibe este venres (20:45 horas) un choque entre Real Club Celta e Futebol Club do Porto cheo de motivacións. Cos dous equipos en cuartos de final, os de Moncho Carnero pretenden acabar esta primeira fase do campionato en segundo ou terceiro lugar do grupo de seis conxuntos que compiten a unha soa volta. Pasan catro e o factor campo é vital en cuartos de final, a partido único. O Celta leva dúas vitorias (ante o Sevilla por 6-3 e fronte ao Málaga por 9-3) e unha derrota ante o Sporting (6-3).

Ao prezo de 5 euros a partir dos 12 anos de idade, a organización, Diesemm, xa puxo as entradas á venda na súa sede (Gran Vía 13, oficina 5), na tenda do Real Club Celta no estadio de Balaídos e, o mesmo día do partido, estarán dispoñibles dende as 16:00 horas no despacho de billetes das Travesas.

Á presentación do partido acudiron excélticos do nivel de Jorge Otero, Milorad Ratkovic e Rodilla, xunto con Moncho Carnero, o técnico dos vigueses. O preparador anunciou que "o Porto é un adversario moi duro. Manexa moi ben os tempos do partido e gañoulle ao Sporting de Xixón (12-11), líder do grupo e vixente campión de Liga". Conta con exprofesionais como o porteiro Vitor Baia, Rui Barros, Joao Pinto, Fernando Couto, Fernando Gomes ou o excéltico Nuno Capucho.

O concelleiro de Deportes amosouse encantado de colaborar con esta iniciativa que permite seguir gozando de futbolsitas que foron figuras dos terreos de xogo agora nunha modalidade baixo cuberta. Fernández fixo votos por "unha vitoria do Celta para que Vigo siga vibrando con este deporte en cuartos de final". Antes do partido, a organización programou unha Copa infantil indoor con equipos de Vigo e a área metropolitana.

A organización anunciou que o choque terá tamén unha vertente solidaria. As 300 primeiras persoas que o venres acudan ao pavillón cun quilo de alimentos non perecedoiros terán unha entrada gratuíta, grazas á colaboración da Liga de Fútbol Indoor co Banco de Alimentos.

Para o Central, este encontro é o segundo desta tempada 2012 (xogouse o Celta-Sevilla en xaneiro) e o quinto na historia das participacións olívicas nesta Liga.
Descargar todas as imaxes