Escoitar

O alcalde anuncia a apertura do dispositivo do frío na Casa do Pescador e a humanización de Marqués de Valterra

O Concello de Vigo recibíu este luns formalmente a Casa do Pescador, doada pola Fundación Valeriola, para a apertura do albergue municipal, que hoxe mesmo abrirase como dispositivo de frio con 50 camas. Abel Caballero anunciou asemade a humanización da rúa, Marqués de Valterra, e eloxiou o "éxito colectivo de todos" de contar cun centro de inclusión social público na cidade.

luns, 19 dec 2011
1324300255alberguemarquesvalterra.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, acudiu hoxe luns ao acto de recepción oficial das instalacións de Marqués de Valterra, que servirán como albergue municipal con 50 camas.

A Fundación Valeriola cedeu hoxe o edificio e "hoxe mesmo", con apertura ás 20:30 horas, inicia a súa función como dispositivo de emerxencia de frío, con consigna, camas, duchas e café de noite e de mañá: "estamos diante dun albergue en condicións", apuntou Caballero.

O dispositivo estará aberto ata aproximadamente o mes de marzo, data na que o goberno local agarda poder abrir o centro definitivo, unha vez resolta a concesión, tal e como estipula o convenio de cesión das instalacións.

O centro conta con medio centenar de camas -o que "supera con moito o mellor dos escenarios que nos plantearamos", explicou o rexedor-, cunha planta baixa de 600 metros e un soto e unha primeira planta de 400 metros.

Os técnicos municipais, tal e como explicou o alcalde vigués, estudarán nas próximas semanas a conveniencia de realizar algunha reforma, e sairá a concurso público para que a xestión definitiva do albergue recaiga en mans dunha entidade ou ONG.

Abel Caballero celebrou que esta doación "é extraordinariamente importante", por estar "ben situado" para a súa función, e adiantou que a rúa Marqués de Valterra será humanizada tras a instalación do albergue.

"Seguramente levábamos agardando 15 anos por un albergue público", afirmou Caballero, quen definiu a apertura do centro de inclusión como un "éxito colectivo de todos", da "solidariedade" da cidade de Vigo.
Descargar todas as imaxes