Escoitar

O rexedor data para decembro o inicio do derrubo parcial do edificio ilegal de Churruca

A Xerencia de Urbanismo deu este venres luz verde aos pregos de condicións para a contratación do derrubo parcial do edificio de Churruca 3-5, afectado por unha sentenza xudicial. O alcalde explicou que o Concello executa a sentenza de modo subsidiario, polo que repercutirá ao promotor os 557.000 euros do custo da operación. A comezos de decembro iniciarase a demolición dos andares 9 e 10, deshabitados.

venres, 7 out 2011
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, datou este venres para comezos de decembro o inicio do derrubo parcial do edificio de Churruca 3-5, afectado por unha orde xudicial.

O Concello de Vigo executará este mandato de modo subsidiario, ao non facer fronte á sentenza o promotor do inmoble. Polo tanto, os 557.000 euros do custo das dúas fases da operación serán repercutidos neste.

Abel Caballero informou que o Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo deu luz verde esta mañá aos pregos para a contratación do derrubo parcial. A primeira fase afectará aos andares 9 e 10 do inmoble, deshabitados, cun orzamento de demolición de 220.000 euros e inicio a comezos de decembro. A segunda fase ten un prazo de inicio de entre seis e doce meses, cun custe de 337.000 euros. Desta volta abordarase desde o cuarto ata o oitavo andar, estes si habitados.

O alcalde apuntou que as empresas terán 15 dias para presentar as ofertas antes da adxudicación. Caballero recordou que "nesta cidade so hai un urbanismo: o que respecta as leis e acata as sentenzas".