Escoitar

O cantante Josele Santiago e o músico Pablo Novoa actúan o vindeiro mércores no Auditorio Municipal

O Auditorio Municipal acollerá o vindeiro mércores, 18 de maio, a seguinte actuación que organiza a Concellería de Cultura e Animación Sociocultura neste remodelado recinto. Trátase do concerto que o cantante Josele Santiago e o músico Pablo Novoa ofrecerán ás 20.30 horas, para o que as entradas teñen un prezo de 10 euros e pódense adquirir na web www.laboleteria.es ou na taquilla unha hora antes do comezo da actuación.

luns, 16 mai 2011
Josele Santiago é compositor, cantante, letrista e guitarrista dende hai máis de dúas décadas. Coa banda "Los Enemigos" publicou 14 discos en 17 anos, mentres que coa súa carreira en solitario leva tres traballos publicados ata o momento, "Las golondrinas etcétera" no 2004, "Garabatos" no 2006 e "Loco encontrao" no 2008. Sempre acompañado dunha banda de músicos incuestionables, destaca pola súa particular maneira de reinterpretar xéneros clásicos como o rock, blues e swing, xa sexa achegándose a dende o acústico ou dende o eléctrico, xa sexa en medios tempos ou acelerando a velocidade do metrónomo, ou espindo cancións ata o esqueleto.

O vigués Pablo Novoa formou parte de diversos grupos como Golpes Bajos nos oitenta ou La Marabunta nos noventa, así como responsable da dirección musical do programa da TVG Xabarín Club. As colaboracións con outros artistas, como Nacho Mastretta, Iván Ferreiro, Julieta Benegas, Los Ronaldos ou o propio Josele Santiago, teñen sido unha constante na súa carreira. No 2008 publicou o seu disco en solitario "Novoa cruza el Atlántico".