Escoitar

Santi Domínguez destaca a repercusión económica do Congreso de Medicina Xeral que reúne a 3.600 participantes

O tenente de alcalde e concelleiro de Turismo, Santi Domínguez, presentou este luns o XII Congreso Internacional de Medicina Xeral e de Familia e a XVIII edición do Congreso Nacional de Medicina Xeral e de Familia, que se celebrarán do 18 ao 21 de maio no Ifevi. O nacionalista fixo fincapé na forte repercusión que terá este evento no sector turístico e hostaleiro da cidade, xa que máis de 3.600 médicos de familia analizarán en Vigo o presente e futuro da atención primaria, aos que é preciso sumar os acompañantes, expositores e xornalistas especializados que tamén se achegarán á nosa cidade, que en total realizarán 10.000 pernoctacións e Vigo e arredores.

luns, 16 mai 2011
1305549019Congreso.JPG
Santi Domínguez expresou a súa satisfacción por que Vigo fora elixida sede deste evento, xa que ao seu xuízo significa a "aposta por Vigo como cidade referente de grandes congresos". Neste sentido salientou o traballo que está a facer o Vigo Convention Bureau, que ten pechados un total de 14 congresos para este ano, coa participación de 12.000 persoas e un volume de negocio de arredor de 10 millóns de euros.

O tenente de alcalde defendeu que, nestes momentos de crise económica, contar con este tipo de eventos é unha "moi boa noticia para o noso sector hostaleiro, hoteleiro e comercial, así como para todas as empresas de servizo da cidade". O nacionalista manifestou o seu a agradecemento á Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia pola súa aposta pola cidade. "Sempre atopamos todo tipo de comprensión por parte da organización do congreso", asegurou.

Santi Domínguez asegurou que a cidade "vai entender perfectamente os inconvintes" que poida xerar a achegada dos congresistas a Vigo, "porque a vosa presenza trae beneficios á cidade". Amosou o seu convencemento de que "saberemos acollervos como vos merecedes" e de que moitos e moitas congresistas repetirán a súa visita á cidade.

O presidente da Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia, Benjamín Abarca, expresou a súa satisfacción pola colaboración mantida ao longo do último ano entre o comité organizador do congreso e as diferentes institucións da cidade, nomeadamente o Concello de Vigo, o Vigo Convention Bureau e o Ifevi. Asegurou que se trata dun congreso "moi complexo", debido ao número de congresistas que participarán, pero precisamente por iso de gran importancia para a cidade.

Sinalou que neste evento será fundamental a labor formativa e servirá como punto de encontro e intercambio de experiencias, xa que durante os catro días que dure terán lugar unha gran variedade de actividades. Avanzou que tanto o acto inaugural como o de clausura celebraranse no Pazo de Congresos. Respecto á inauguración indicou que será conducido polo actor Pablo Carbonell, mentres que na clausura entregarase o galardón de socio de honra ao catedrático de Cardioloxía da Universiadde de Santiago de Compostela, J. R. González.

O presidente do comité organizador, Carlos Bastida, puxo en valor o traballo feito por parte do Concello de Vigo e do Vigo Convention Bureau, así como o sector hostaleiro da cidade, "porque se volcaron con nós durante este ano". Asegurou que ao apostar por Vigo "queriamos que fora referencia dos congresos de atención primaria" e que supuxera un "punto de inflexión" a respecto dos congresos celebrados. No obxectivo de facer deste congreso "sinónimo de calidade", destacou que conta cun programa "atractivo que responde ás inquedanzas dos médicos de atención primaria".


A presidenta do comité científico, Pilar Rodríguez Ledo, sumouse aos agradecementos expresados por Benjamín Abarca e Carlos Bastida dirixidos ás distintas institucións. "Sen a súa axuda sería imposible poñer en marcha todo isto", manifestou. Ao respecto explicou que o traballo realizado dende hai un ano para organizar o congreso partiu das demandas, expectativas e necesidades dos congresistas "para ofertar o que cada un poida desexar". Para acadar este obxectivo está previsto a realización de 116 actividades, 16 de elas simultáneas, como mesas redondas, talleres, e ponencias de áreas variadas.

A integrante do Comité de Congresos da SEMG, Mercedes Otero, asegurou que vir a Vigo é unha "boa decisión", ao contar co apoio das institucións da cidade. Fixo referencia ao traballo loxístico realizado no Ifevi para convertelo nun pazo de congresos axeitado ás necesidades deste evento. Destacou tamén a repercusión que terá no sector hostaleiro non só de Vigo, senón tamén de Pontevedra ou Baiona, entre outras, xa que serán "máis de 10.000 pernoctacións en catro días".
Descargar todas as imaxes