Escoitar

Xesus López anuncia que o artista colombiano Juanes abrirá o 15 de xullo en Castrelos as Festas de Verán de Vigo

O concelleiro de Cultura e Animación Sociocultural, Xesus López, presentou este venres o concerto que abrirá o programa das Festas de Verán de Vigo 2011. Trátase da actuación que ofrecerá o artista colombiano Juanes o 15 de xullo no auditorio de Castrelos, na que ademais de interpretar algúns dos maiores éxitos da súa carreira como "Volverte a Ver", "La Camisa Negra", "Me Enamora" ou "A Dios le Pido", Xesus López avanzou que presentará os temas do seu último disco, "P.A.R.C.E", entre os que destacan cancións como "Regalito" ou "Yerbatero".

venres, 1 abr 2011
1301659590Juanes.JPG
O nacionalista explicou que ademais de programar o Imaxina Sons ou o Festiclown, o seu departamento está tamén pechando xa os concertos de Castrelos. Xesus López destacou que Juanes, pese a non ter demasiados discos publicados (cinco ata o momento) ten un volume de vendas "asombroso", con case 15 millóns de copias vendidas dos catro primeiros. Fixo especial mención ao alto contido social das súas letras e contra o uso da violencia, tal e como se reflicte no traballo que desenvolve na súa fundación, "Mi sangre", e a organización dos concertos de Paz Sen Fronteiras.

Segundo afirmou o concelleiro nacionalista, coa organización deste concerto "continuamos o traballo iniciado hai máis de tres anos por facer de Vigo unha cidade de grades concertos e seguiremos traballando para que ese compromiso se consolide". Xesus López avanzou, en resposta aos medios, que se manteñen os prezos do ano pasado para asistir ao concerto, 12 euros.

A representante de Sweet Nocturna, Raquel Seijo, expresou a súa satisfacción pola celebración do concerto de Juanes en Vigo no mes de xullo. Asegurou que é "especificamente un concerto de verán", no que o artista organiza unha festa. Respecto á montaxe que Juanes ofrecerá en Castrelos destacou que será unha produción "completísima", con 7 ou 8 músicos en xira, e na que xa se está a traballar para adaptala a Castrelos. "É unha montaxe espectacular digna de ver", asegurou.

Raquel Seijo lembrou que Juanes visitou Vigo hai 8 anos, cando era "un artista emerxente", mentres que este ano nos visita sendo xa un "artista consolidado". Comentou neste sentido que a revista Time considérao como unha das 100 persoas máis influíntes do mundo. Finalmente, salientou que este concerto que ofrecerá o artista colombiano en Castrelos é "a única data en Galiza e das poucas que vai facer en España".
Descargar todas as imaxes