Escoitar

O mercado tradicional do Paseo de Alfonso amplíase e inclúe dúas charlas de produtores e un obradoiro de cestería

A oitava edición do mercado de produtos tradicionais galegos que organiza a Concellería de Patrimonio Histórico no Paseo de Alfonso iniciará unha nova etapa o vindeiro domingo, 3 de abril, coa ampliación do espazo utilizado e a celebración de dúas charlas de produtores ecolóxicos e un obradoiro de cestería para familias. O concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, destacou ademais que a visita á feira formará parte do programa "Camiña e coñece", que o domingo fará un percorrido pola "Ruta da historia" da cidade.

venres, 1 abr 2011
Segundo Eudosio Álvarez, a consolidación do mercado é xa unha realidade, tal e como se plasma no éxito de público e o incremento da demanda de produtores para instalarse na feira. Afirmou que esta boa acollido obrigou á organización a ampliar o espazo físico do mercado, reubicándose en toda a beirarrúa do tramo do quiosco ata o Olivo, emblema de Vigo.

Respecto ás actividades paralelas que terán lugar o vindeiro domingo, o concelleiro nacionalista destaca que a produción ecolóxica será un dos eixos centrais, posto que as charlas correrán a cargo de Adelina Padín, alma mater de Finca Con da Santa, que ás 12 horas falará das "Propiedades de plantas de horta". Ás 12:30 horas, Marcos Pichel, de Soutude Herville explicará as características da "Galiña de Mos" e o seu proxecto de recuperación desta raza autóctona galega.

O obradoiro colectivo de cestería será impartido polos profesores cesteiros do CAT, coa necesaria colaboración dos nenos e nenas, así como de seus pais e nas, que farán unha construción sorpresa seguindo técnicas de tecido tradicional durante o tempo que dure o mercado, de 11 a 14 horas. Respecto á nova edición do programa Camiña e Coñece que percorrera o Casco Vello, Eudosio Álvarez avanzou que os participantes visitarán á feira, na que se lles ofrecerá unha charla sobre o proxecto e unha degustación de produtos ecolóxicos.

A artesanía tradicional estará representada pola cestería Antonio Suárez, apelido de centenaria tradición na nosa cidade cos seus produtos tecidos en vimbio e madeira. O artesán da madeira tallada, Jorge López Corcoba, amosará unha selección de obxectos de uso cotiá, combinados con deseños propios máis actuais. O tecido tradicional contará coa presencia de Cuaderna Maestra, obradoiro de María José Lois, que acompañada do seu tear fará unha demostración en vivo do seu traballo. Nesta edición, o deseño máis actual estará representado polos tecidos e complementos de Hey Juddy e Candacol, así como polas pezas de cerámica feitas a man de Juan B. González.

Os produtos ecolóxicos de horta virán de Biochousa de Mondariz, da Hortinha da Ponte de Forcarei e a Finca Con Da Santa. Os queixos tamén serán estrelas da feira, coa presenza da tetilla con D.O. Arzúa-Ulloa de Queserías Daniel, Torres, casa familiar fundada en 1942 en Ponte Liñares (A Estrada) e premiada en diversas ocasións. Fronte á tetilla con leite de vaca, os queixos con leite de cabra de produción propia tamén estarán presentes no mercado, en concreto os da cooperativa "Como Cabras" de Castro Caldelas coa súa marca Touza Vella. O centenario viveiro vigués J. Flores levará a cor das plantas e flores, que coa chegada da primavera multiplica a súa oferta. Diego, o pulpeiro, e o viño ecolóxico de Valdeorras e D.O. Ribeira Sacra servido en cuncas tradicionais de Bonxe e Gundivós completarán a oferta.