Escoitar

Caballero subliña que os alumnos da Escola de Idiomas becados polo Concello inaugurarán a nova ruta aérea Vigo-Londres

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o conselleiro delegado de Vueling, Álex Cruz, presentaron este mércores no Centro Social Novacaixagalicia a nova ruta Peinador-Heathrow, que será inaugurada simbólicamente o 16 de abril polos alumnos da Escola Oficial de Idiomas becados polo Concello para estudar no estranxeiro. Os 30.000 asientos dispoñibles ata outubro xa están a venda, con tres frecuencias semanais, e Vueling revelou as "ocupacións bastante altas" do voo, que xa conta con 4.000 reservas efectuadas.

mércores, 30 mar 2011
1301487682vuelin.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, avanzou este mércores que os alumnos da Escola Oficial de Idiomas becados polo Concello para estudar no estranxeiro inaugurarán o 16 de abril a nova ruta Vigo-Londres que operará Vueling.

Esta conexión alongarase ata outubro, poñendo á disposición 30.000 asientos en tres frecuencias semanais -martes, xoves e sábado- a partir de 44 euros por traxecto. Segundo indicou o conselleiro delegado de Vueling, Álex Cruz, durante a presentación desta mañá, á que acudiron representantes do sector hosteleiro e turístico, os voos xa están á venda e ata o momento rexistráronse 4.000 reservas, un 40% de viaxeiros procedentes do Reino Unido.

Alex Cruz apuntou asemade que, para os meses de xullo e agosto, a compañía conta con "ocupacións bastante altas" contratadas, que rondan entre o 80 e o 85% do pasaxe. Tanto Cruz como o alcalde auguraron "éxito" á conexión viguesa con Heathrow e apostaron pola súa continuidade.

Abel Caballero, pola súa banda, afirmou que Vigo é "un dos grandes polos industriais de España", xerador de economía e reclamo turístico, polo que a cidade precisa dun "gran aeroporto" a nivel de infraestrutura e de conexións. Con respecto á de Londres, o alcalde explicou que "queremos que se consolide como unha liña consistente", e afirmou ter un custe "baixísimo" sobre o beneficio que repercutirá en Vigo grazas á conexión.

"Cremos que temos a nosa capaciade de xerar voos e liñas de negocio" desde Vigo, aseverou Abel Caballero, quen eloxiou a "profesionalidade" de Vueling á hora de estudar as posibilidades da frecuencia viguesa.

Barcelona
Á ruta de Londres únese a consolidada conexión con Barcelona, o que representará unha oferta total este verán de 110.000 asentos desde o aeroporto de Vigo. Barcelona ademais abre un amplo abanico de posibilidades para enlazar desde o aeroporto do Prat e a prezos competitivos.

Desde Vigo, vía Barcelona, pódese voar a 23 destinos internacionais (Amsterdam, Atenas, Bordeus, Bruxelas, Bucarest Creta, Dubrovnik, Malta, Marrakech, Milán, Moscova, Nápoles, París, Palermo, Pisa, Roma, San Petersburgo, Toulouse, Tel Aviv, Venecia, Viena, Verona e Zúric) e 11 nacionais (Alacante, Bilbao, Eivissa, Xerez, As Palmas, Mahón, Málaga, Oviedo, Palma, Sevilla, Tenerife).

Vueling empezou a súa rede de conexións o pasado mes de xullo e durante o 2010 transportou máis de 175.000 persoas. O pasaxeiro en tránsito Vueling ten varios beneficios exclusivos no aeroporto do Prat: wifi gratis en todo o recinto do aeroporto, descontos tanto en tendas como en restaurantes asociados ao programa e acceso sen custo ás zonas de xogos.

Vueling aterrou por primeira vez no aeroporto de Peinador en xuño do 2007 e desde entón transportou 530.000 pasaxeiros con orixe/destino en Vigo.
Descargar todas as imaxes