Escoitar

Xesus López anuncia que o terceiro ciclo "Poesías para unha vida" desenvolverase no Verbum dende o 1 ao 16 de abril

O concelleiro de Cultura, Xesus López, presentou este mércores a terceira edición do ciclo de poesía "Poesías para unha vida", que se celebrará no museo Verbum entre o 1 e o 16 de abril. "Achegar ao público o mundo da poesía experimental a través de diferentes manifestacións artísticas como a música e a danza" é o obxectivo desta iniciativa, segundo destacou o nacionalista.

mércores, 30 mar 2011
1301487538Verbum.JPG
O concelleiro de Cultura explicou que este programa incardínase na programación máis ampla que está a marcar "un fito histórico no museo" da man do director do Verbum, Rosendo Covelo, a quen felicitou polo seu "traballo excepcional que está facendo nestes anos". Xesus López tamén expresou seus parabéns a Julio Fernández, director artístico de "Poesías para unha vida", pola "magnífica nova edición" que comezará o vindeiro venres ás 20 horas coa intervención do poeta e profesor Xosé María Álvarez Cáccamo.

O director artístico do ciclo debullou o programa e sinalou que o día 1 de abril tamén terá lugar a presentación do proxecto artístico do Colectivo Bu, ás 21 horas, e unha selección de propostas audiovisuais recibidas desde diferentes países, ás 21.30 horas. O día 2, ás 20 horas, intervirá o poeta sonoro, actor, escenificador e programador de eventos culturais Américo Rodrigues; e ás 21 horas un dos creadores da poesía de acción en Francia e con gran influencia na performance e na poesía experimental contemporánea, Julen Blaine.

O dia 8 de abril, de 17 a 21 horas, desenvolverase un obradoiro visual a cargo de Julio Fernández, aberto a calquera persoa con inquedanzas poéticas; mentre que ás 21.30 horas terá lugar "Paisaxes sonoras emprestadas", de Pedro Alba, que inclúe a emisión en directo desde o Teatre O Magatzem de Tarragona o Festival CreatSonor. O 9 de abril está dedicado á execución de accións na rúa, coas propostas de Nel Amaro, Yolanda Pérez, Domix Garrido, Ana Matey e Sergi Quiñonero. Ao remate, ás 21 horas, está previsto a celebración dunha mesa redonda no Verbum.

O 15 de abril, ás 20 horas, terá lugar unha acción poética de danza, a cargo de Begoña Ququejo; e ás 21 horas unha performance con María Roja, Fran Buceta e Berio Molina. Finalmente, o 16 de abril, ás 20 horas celebrarase un espectáculo radiofónico executado por Ángeles Oliva e Toña Medina, da Casa Encantada de Madrid; mentres que ás 21 horas desenvolverase unha performace lírica que integra música en directo e efectos sonoros, proxeccións e poesía, con Javier Montero, Luis Somoza e Emilio Papel. Ademais, o Verbum acollerá unha exposición de poesía visual e a proposta de acción transportable de Clemente Padín, titulada "Aire".

"Hai máis de tres anos iniciamos unha nova etapa no Verbum, no que a divulgación poética ocupa un lugar sobranceiro", destacou Rosendo Covelo. O director do museo expresou a súa satisfacción pola celebración desta terceira edición de "Poéticas para unha vida", que afonda na búsqueda de novas vías de expresión e que aposta por accións de rúa que van máis alá dos límites físicos do Verbum.
Descargar todas as imaxes