Escoitar

A Alcaldía colabora con UNICEF na Marcha Solidaria para levar auga potable e saneamento a Níger

O alcalde, Abel Caballero, e unha das responsables da entidade na cidade, Marisé Pérez Mariño, presentaron hoxe xoves esta iniciativa gratuita, unha carreira popular que terá lugar o domingo ás 11 horas para sensibilizar á cidadanía da importancia da auga e para recaudar fondos para proxectos en Níger. Cada participante suporá un euro que o Concello destinará á causa, cunha cantidade xa comprometida de 6.000 euros.

xoves, 17 mar 2011
1300368131marchaunicef.JPG
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e unha das responsables de UNICEF na cidade, Marisé Pérez Mariño, presentaron hoxe xoves a Marcha Solidaria da Auga "Gotas para Níger", pola que cada participante suporá un euro en forma de gota de auga para este país.

A inscripción é gratuita -no 010 ou no momento da saída- e o goberno local pagará un euro a UNICEF por cada participante que asista para os proxectos da entidade en Níger, relacionados coa auga potable e o saneamento neste país. O alcalde xa anunciou que achegará 6.000 euros -en concepto de outros tantos dorsais- ao efecto.

A marcha, que partirá da ponte de Castrelos e percorrerá a senda do Lagares ata chegar a Samil, iniciarase ás 11 horas da mañá deste domingo, co obxectivo de "sensibilizar" á poboación da problemática da auga no mundo.

Pérez Mariño agradeceu ao Concello e ao alcalde por ser "sempre solidario" coa infancia e recordou que Vigo recibiu unha Mención Especial de UNICEF dentro do seu programa "Cidades Amigas da Infancia". Pediu asemade a participación da cidadanía nesta marcha.

O alcalde, pola súa banda, asegurou que o Concello participa nesta iniciativa tanto polo mérito de UNICEF como pola "gran urxencia" da problemática da auga en Níger. Caballero indicou que "cada paso será unha gota de auga para Nïger" e invitou a sumarse a este programa solidario.
Descargar todas as imaxes