Escoitar

O goberno local deixa sen efecto o Plan Económico Financeiro 2010-2011 ao estar cumpridos os obxectivos de estabilidade

O Pleno da Corporación aprobou hoxe xoves esta medida ao tempo que tomou coñecemento da liquidación orzamentaria de 2010, cumprindo cos obxectivos de investir 100 millóns de euros, baixar a presión fiscal e consolidar unhas contas saneadas mediante unha "xestión austera e eficaz", explicou a concelleira de Facenda, Raquel Díaz. A oposición, que se abstivo na votación, pediu que os 11 millóns de euros do préstamo deste ano se dediquen a pagar sentencias xudiciais pendentes.

xoves, 17 mar 2011
1300368102raquel.jpg
A concelleira de Economía e Facenda, Raquel Díaz
O goberno local deu conta este xoves ante a Corporación da liquidación do orzamento municipal de 2010 e aprobou deixar sen efecto o Plan Económico Financeiro (PEF) elaborado para o actual e pasado exercizo económico, ao ter xa cumpridos os obxectivos de estabilidade marcados no documento.

A concelleira de Facenda, a socialista Raquel Díaz, explicou que o orzamento pasado cumpriu coa finalidade de crear emprego, transformar a cidade e incrementar as políticas sociais, e mediante o PEF foi posible investir 100 millóns de euros, baixar a presión fiscal, elaborar o orzamento de 2011 (xa en vigor) e consolidar unhas contas municipais saneadas mediante unha "xestión austera e eficaz".

Díaz indicou que baixáronse as taxas da bausa, da circulación, do IMD, da escola de música ou os prezos do transporte público, ao tempo que os investimentos chegaron a toda a cidade con máis de 100 actuacións. A edil tamén destacou que o Concello mantén a "facenda saneada", sendo Vigo a cidade en réxime común menos endebedada de España. Neste aspecto, a socialista recordou que o goberno actual rebaixou á metade a débeda aprobada polo executivo anterior dirixido por Porro.

A voceira do BNG, Iolanda Veloso, salientou que a liquidación orzamentaria presentada demostra que o de Vigo é un "goberno estable" con "boa xestión", e subliñou o incremento das axudas sociais para os máis desfavorecidos. A nacionalista apuntou que gobernouse con "austeridade", evitando "gastos superfluos" e atendendo ás necesidades da cidadanía.

O edil do PP, Jorge Conde, criticou que o goberno local subiu os impostos nun 8,2% e denunciou un incremento da recadación por multas dun 184% sobre o previsto inicialmente. Afirma tamén a oposición que "a débeda municipal subiu" e chegará a 80 millóns de euros a finais deste ano cando o goberno anterior o deixara en 47 millóns. Conde pediu que os 11 millóns do préstamo municipal deste ano sexan dedicados a pagar sentenzas xudiciais pendentes.
Descargar todas as imaxes