Escoitar
A concesionaria VITRASA conta coa colaboración da correduríade seguros Willis nesta iniciativa

Caballero presenta a primeira campaña de prevención e axuda aos usuarios do bús urbano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o concelleiro de Mobilidade e Transporte, Xulio Calviño, presentaron xunto ao Director Xeral de VITRASA, Juan Carlos Villarino, esta novidosa campaña, pola que durante un mes dous monitores asistirán aos usuarios nos seus percorridos. Entregaranse ademais 7.000 folletos nas paradas sobre as normas de uso do transporte urbano.

xoves, 17 mar 2011
1300368979vitrasa.JPG
Desde este xoves 17 de marzo e durante un mes, dous monitores asistirán aos usuarios do transporte público nos seus percorridos en autobús urbano co obxectivo de orientalos sobre os riscos aos que se expoñen se non cumpren coas medidas de seguridade establecidas. Ademais, nas paradas de autobús farase entrega de folletos que serán entregados aos viaxeiros con información sobre as normas de uso do transporte urbano.

Estas son algunhas das medidas postas en marcha por Vitrasa, en colaboración coa correduría de seguros Willis, na primeira Campaña de Prevención e Axuda aos viaxeiros de Vitrasa. En palabras de Juan Carlos Villarino, Director Xeral de Vitrasa "realizamos un estudo de seguimento sobre o uso do transporte e comprobamos que durante o periodo de tempo analizado o número de lesións, sobre todo en persoas maiores, era preocupante. Por iso, consideramos que era necesario poñer en marcha unha iniciativa dirixida a concienciar aos usuarios sobre as principais normas de uso do transporte para mellorar a súa seguridade. O noso compromiso coa cidade de Vigo é prioritario e consideramos que con iniciativas como esta estamos dando boa mostra disto".

Desenvolvemento da campaña
Os dous monitores, debidamente formados, irán identificados con camisetas que fan alusión á campaña e terán acceso a toda a flota de vehículos. O asesoramento centrarase en catro puntos fundamentais: como comportarse antes de subir ao bus, cal é a mellor maneira para acceder, como estar dentro do vehículo e como descender.

Cada monitor realizará o seu servizo en horario de 10.00horas a 14.00 horas a bordo das principais liñas nas que se detectaron maior nivel de incidencia, axudando aos viaxeiros nos seus percorridos e ofrecendo informació nas paradas.

Como utilizar o bus?
Vitrasa editou un total de 7.000 folletos que contan coas normas básicas para un axeitado uso do bus urbano. Ademais de especificar cal debe ser o correcto comportamento para ir máis seguros, a guía sinala os principais aspectos sobre as cadeiras de rodas, os coches de bebé e o transporte de animais así como aquelas actividades que non están permitidas realizar a bordo dun bus.
Descargar todas as imaxes