Escoitar
Escola municipal de artes e oficios

Exposición ""Proxecto Apertura"

Ata o día 26 de marzo permanecerá aberta ao público na sala de exposicións da Escola –Espazo EMAO-- a mostra colectiva "Proxecto apertura", con 50 obras seleccionadas do alumnado actual e recente da Escola Municipal de Artes e Oficios.Horario: de martes a sábado de 19 a 21 horas<br />

venres, 4 mar 2011
Artesanía de coiro, encaixe de palillos, moda e confección, debuxo, pintura, cerámica artística, encadernación artística, serigrafía artística... Estas son algunhas das disciplinas que forman parte dunha selección de traballos de alumnos realizados nos obradoiros da Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO) e que se exhibirán no novo espazo expositivo.

"Proxecto Pintura" é o nome dunha mostra que nace con vocación de continuidade e dinamismo a través dunha proposta que pasa por ser algo máis que un lugar onde poder contemplar as pezas do intenso labor educativo e creativo de alumnado e profesorado da Escola. A concelleira de Educación, a socialista Laura López Atrio, subliña que "é a forma de devolverlle á cidadanía, en forma de obras artesás e artísticas, unha parte do esforzo feito para manter a cultura e a educación en Vigo nun alto nivel".

Co espazo EMAO esta centenaria institución pretende "recompoñer unha ponte sólida e duradeira coa sociedade viguesa, da que forma parte inseparable". Laura López Atrio asegura que "o novo espazo é á vez un inicio e un resultado. Inicio dunha etapa na que a Escola se abre e mostra en que consiste, e cal é o sentido da súa actividade creativa e formativa. Pero é tamén o resultado dunha etapa de redefinición de obxectivos para sentar as bases da institucionalización da formación de carácter non regrado no eido das artes e oficios", di a edil.

A obra está comisariada polos profesores Federico Fernández e Miguel Vázquez quen afirman que "a medio prazo este podería ser un contedor de novas ideas onde os foráneos, persoas de fora da escola, trouxesen novos modelos de entender a arte, a artesanía ou mesmo a vida. Pensamos nun recipiente onde compartir, debater, formar e aprender...un lugar de retroalimentación que nos sorprenda pola súa dinamicidade".

Máis información