Escoitar

A Universidade a Distancia ratificará o 7 de marzo o Centro Internacional da UNED en Vigo

O convenio irá a Xunta Reitora da UNED a principios da vindeira semana aínda que está xa aprobado pola Comisión Delegada. Abel Caballero amosou neste xoves a súa satisfacción porque a cidade acade este "ambicioso proxecto" polo que Vigo será o Centro Internacional de Educación a Distancia de Iberoamerica e o "centro mundial da UNED en galego"

xoves, 3 mar 2011
1299160329Imagen003.jpg
O alcalde de Vigo recibiu onte mércores o convenio a través do que o
"Centro de Internacionalización de Ensinanzas do Campus Noroeste da UNED en Vigo" será proximamente unha realidade. Segundo explicou o rexedor socialista o proxecto transcende as intencións iniciais de conseguir un aula de ensino superior en favor dun plan máis "ambicioso". "De aprobarse significará que Vigo será o centro internacional de Educación a Distancia de Iberoamérica", unha experiencia que, tal e como afirmou o alcalde é "descoñecida ata o de agora".

Desde Vigo impartiranse docencias a toda Iberoamérica pero ademais o centro de Vigo será o referente mundial da Universidade a Distancia en lingua galega. "Todos aqueles que queiran cursar estudios en galego farano en Vigo", apunto Caballero. A docencia de todos estes ámbitos educativos arrincaría, segundo as previsións iniciais, a partir do mes de setembro.

Debido á envergadura do proxecto o centro necesitará un espazo "importante" que o Concello proporcionará e con toda probabilidade será nas instalacións do novo Auditorio-Pazo de Congresos "Mar de Vigo". O emprazamento neste espazo responde, tal e como informou o alcalde, a idea de que o Auditorio aglutine os ámbitos da cultura, a arte e a Universidade. Tamén explicou o socialista que o responsable do centro educativo será un catedrático da UNED, persoa que se fará cargo "deste gran centro educativo", dixo o rexedor.

O convenio
O convenio de constitución establece que o consorcio "Centro de Internacionalización de Ensinanzas do Campus Noroeste da UNED en Vigo" é a agrupación de entidades ou institucións baixo cuxa protección atopase o centro da UNED. Estará constituído pola Universidade Nacional de Educación a Distancia, o Concello de Vigo, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a Deputación de Pontevedra e Novacaixagalicia, sen prexuízo de que outras entidades poidan incorporarse ao mesmo no futuro.

A entidade pública que se constitúe recibirá o nome de Centro de Internacionalización de Ensinanzas do Campus Noroeste da UNED en Vigo. A súa finalidade é o sostemento e superior dirección do centro coma unidade da estrutura académica do Campus Noroeste da UNED.

Os seus obxectivos son o de servir de apoio á ensinanza superior en galego, planificando dentro do Campus Noroeste, na medida dos recursos dispoñibles, a atención para aqueles estudantes da UNED que demanden a titorización en lingua galega. Outra das súas intencións é servir de apoio tamén as ensinanzas desta Universidade para os estudantes en países do continente americano que quedarán a estes efectos adscritos ao Centro, coordinando a súa titorización no marco do Campus Noroeste.

O Concello de Vigo asume a responsabilidade de proporcionar locais axeitados ao centro, cederá o seu uso a título gratuíto e de forma indefinida, condicionándose á que a UNED realice alí as súas actividades docentes, culturais e administrativas. Os gastos de mantemento, rehabilitación, reparación ou mellora do edificio ou locais, obras de interior serán costeados polo Consorcio. A UNED participará coa axuda económica que permita a lexislación vixente.

Constituirase ao efecto un Padroado do Consorcio que será titular do Centro de Internacionalización e que asumirá as facultades que lle corresponda coma órgano superior de dirección, administración e representación ante terceiros. O Padroado estará constituído por 10 membros -3 en representación da UNED, 1 por cada institución ou entidade financiadora do Centro, o director do Centro e un representante dos traballadores do Centro. Reunirase polo menos unha vez ao ano en sesión ordinaria.
Descargar todas as imaxes