Escoitar

Xesus López di que coa estrea mañá venres no Auditorio Municipal de "Mundo Lois" preténdese difundir a obra de Lois Pereiro

O Concelleiro de Cultura, Xesus López, presentou este xoves a estrea da obra "Mundo Lois", que terá lugar mañá, 4 de marzo, no Auditorio Municipal ás 22 horas. O concelleiro nacionalista destacou a importancia que terá este acto no marco da programación estable de artes escénicas da Concellería de Cultura e a dedicación do Día das Letras Galegas ao escritor Lois Pereiro, no obxectivo de difundir a súa obra.

xoves, 3 mar 2011
1299160441MundoLois.JPG
O concelleiro de Cultura explicou que "Mundo Lois" xurdiu da idea de Antón Reixa, amigo do autor Lois Pereiro, que foi adaptada e dirixida por Lino Braxe, quen tamén interpreta os textos xunto á actriz Antela Cid, e coproducido por Filmanova, Nordesía e Kachet. Segundo Xesus López, trátase dun espectáculo escénico "con gran carga do elemento audiovisual que quere contribuír a universalizar a obra poética de Lois Pereiro non só a través da palabra senón tamén da imaxe". Aclarou que comezará ás 22 horas para evitar que coincida coa lectura do pregón do Entroido ás 21 horas.

Antón Reixa agradeceu á Concellería de Cultura do Concello de Vigo "porque acolleu a iniciativa de que Vigo sexa o lugar no que se estrea este espectáculo". Tras salientar o uso que se lle está dando ao Auditorio Municipal despois da remodelación acometida, asegurou que "os que formamos parte da cultura galega debemos render homenaxe a Lois Pereiro". Afirmou que é un poeta "moi actual" e que pese a escribir a súa obra poética nos oitenta é "tremendamente moderno", polo que dixo sentirse obrigado a "poñer en valor" a súa obra. Segundo o responsable de Filmanova, "Mundo Lois" é un espectáculo para que os espectadores que non leron a obra poidan "visualizala e gozala".

O director técnico, Paco de Pin, asegurou que é un proxecto "ilusionante e apaixoante" e afirmou que os responsables de levalo a cabo fixéronno como mostra do "compromiso co país". O director e actor Lino Braxe manifestou que "como colega de Lois" síntese superado, especialmente pola responsabilidade que supón facer un traballo sobre a obra do autor monfortino. Finalmente, o autor da música Alexandro González, e a actriz Antela Cid, expresaron a súa satisfacción no proxecto.

O prezo das entradas para esta actuación é de 7 euros e pódense mercar na web www.laboleteria.es ou na propia taquilla unha hora antes do comezo das actuacións.
Descargar todas as imaxes