Escoitar

María Méndez afirma que o programa Sereos atendeu 1.176 persoas en 2010 e triplicou as asistencias diarias dende 2007

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, fixo este mércores balance do programa Sereos, de atención ás persoas en risco de exclusión social de cara a súa integración, correspondente ao ano 2010. A concelleira salientou que este programa atendeu a 1.176 persoas ao longo do ano pasado cun orzamento de 100.000 euros, "catro veces máis que no 2007", cando tiña un orzamento de 24.000 euros. A nacionalista destacou tamén que o número de asistencias diarias chega na actualidade ás 300, o triplo que no 2007.

mércores, 2 mar 2011
1299073095Sereos.JPG
A concelleira nacionalista sinalou que o perfil xeral dos usuarios é un varón cunha idade comprendida entre 35 e 45 anos; de Vigo; con problemas económicos ou de drogodependencias; que vive na rúa, en albergues ou pensións moi económicas; con baixo nivel académico e baixa ou nula experiencia laboral. Porén, comentou que fronte ao perfil típico de persoas con drogodependencias, actualmente obsérvase outros dous grupos de usuarios e usuarias, como son o de persoas maiores cunha pensión que non lles alcanza para o almorzo e a merenda, e o de transeúntes que botan un tempo no programa.

Das 1.176 persoas atendidas no 2010, 124 foron novos casos, o 87% homes (1017 persoas) e o 13% mulleres (159). Respecto a súa procedencia, a concelleira nacionalista confirmou que o 66% eran españois, dos que 390 naceron en Vigo, 590 estaban empadroados en Vigo e 260 no resto de Galiza. Destacou que no ano pasado produciuse un incremento do 25% das persoas estranxeiras que recorreron a este servizo, chegando a ser o 34% do total. O grupo máis numeroso corresponde a persoas da Unión Europea, nomeadamente Portugal, seguido de América e África.

No tocante ao seu nivel académico, María Méndez sinalou que o 62% di ter estudos primarios, o 18% Bacharelato ou FP, e o 12% di saber ler e escribir. Segundo informou sobre o nivel de ingresos, o 32,6% non ten ningún ingreso, "moitos deles polas súas reticencias a dirixirse aos servizos sociais para saber se teñen dereito ás prestacións". Ademais, o 34% perciben o Risga ou pensión non contributiva. Destacou que outro dato interesante do balance é que a variable principal do ano pasado era o problema de drogodependencias, fronte aos problemas económicos que recoñecían ter en anos anteriores. En referencia ao tipo de vivenda sinalou que ademais dos albergues, o 20% habitan infravivendas e o 31% vivendas de aluguer, maioritariamente mulleres.

María Méndez explicou que este programa "de redución do dano" foi creado como dispositivo de atención ás persoas sen fogar ou en risco de exclusión social, umprindo as funcións dun centro de día "de baixa esixencia" e ofertando servizos para cubrir as necesidades básicas dos usuarios e usuarias. Segundo indicou, ao longo dos anos foi cambiando e agora acoden un "grupo máis amplo de persoas que teñen en común a precariedade económica".

Segundo explicou a concelleira, as persoas que chegan por primeira vez ao servizo fáiselles unha entrevista individualizada, que posteriormente se amplían con entrevistas de seguimento co obxectivo de "axustar obxectivos". Ao respecto matizou que estes son "moi básicos", como lavar as mans, os dentes ou non chegar ao dispositivo con botellas de bebidas alcólicas. Destacou que tamén se lles ofrece asesoramento ou orientación sobre a tramitación de documentos, "xa que moita xente non sabe que ten dereito a prestacións". Este traballo é realizado por un "equipo de profesionais" integrado por unha traballadora social, que é a coordinadora, unha mediadora social (8 horas), un mediador social (4 horas), persoal de limpeza, 8 voluntarios do propio programa e 11 voluntarios da Oficina de Voluntariado do Concello de Vigo.
Descargar todas as imaxes