Escoitar

O Pleno acorda a posta en marcha dos contedores soterrados e a instalación da maquinaria nos lugares habilitados ao efecto

A moción presentada polo Partido Popular, aprobada por unanimidade, demanda a posta en marcha de todos os contedores soterrados do municipio e proceder co orzamento de 2011 á instalación da maquinaria nos lugares baleiros destinados a ese fin. O texto denuncia que "son moitas as isletas de reciclaxe que se encontran fóra de servizo" e "Vigo merece ter un servizo en condicións e acorde co que desembolsa coas taxas e impostos que paga".

luns, 27 dec 2010
1293457073pp.JPG
O Pleno da Corporación do Concello de Vigo aprobou este luns por unanimidade unha moción do Partido Popular instando á posta en marcha dos contedores soterrados da cidade e á instalación da maquinaria naquelas rúas con lugares baleiros habilitados ao efecto, con cargo aos orzamentos de 2011.

Pese ao debate político e ás posturas encontradas, os tres grupos con representación municipal votaron a favor deste acordo para por en funcionamento estes dispositivos "á maior brevidade posible".

Segundo reza o texto, a situación viguesa no tocante á recollida selectiva de lixo é "lamentable e insuficiente", pois "son moitas as isletas de reciclaxe que se encontran fóra de servizo" o que resulta "medioambientalmente deplorable". O PP denuncia que o goberno local ten "completamente abandonada" a reciclaxe en contedores soterrados.

Asegura o PP na moción aprobada que "os veciños están cansos de aguantar esta situación" e "Vigo merece ter un servizo en condicións e acordo co que desembolsa coas taxas e impostos que paga".

A concelleira de Limpeza, Raquel Díaz, reprochou que o goberno autonómico dirixido por Emilio Pérez Touriño financiou á anterior corporación de Corina Porro a instalacións destes dispositivos, e pola contra a Xunta de Núñez Feijóo non o está a facer actualmente.
Descargar todas as imaxes