Escoitar

O goberno de Vigo reclama á Xunta que garanta recursos económicos aos concellos para ofertar servizos e prestacións sociais

A moción presentada polo BNG e aprobada cos socialistas insta á Xunta de Galicia e ao Parlamento a garantir os recursos económicos que permitan aos concellos ofrecer as axudas de emerxencia social e o servizo de axuda no fogar, e desenvolver o plan de inserción social e os equipos de inclusión social, entre outras medidas. O acordo, rexeitado polo PP, insta tamén ao goberno local a manter sen recortes os investimentos en servizos sociais aprobados nos orzamentos municipais.

luns, 27 dec 2010
1293457019maria.JPG
A concelleira de Benestar Social, María Méndez
Os votos de PSdeG e BNG no Pleno da Corporación aprobaron unha moción dos nacionalistas instando á Xunta de Galicia a garantir os recursos económicos necesarios para que os concellos poidan ofertar servizos e prestacións sociais á cidadanía.

Tal e como reza o texto, rexeitado polo PP, o Pleno reclama da Xunta e do parlamento galegos que os orzamentos de 2011 "aseguren os recursos necesarios para que os concellos poidan ofrecer á sociedade os servizos e prestacións sociais que esta demanda e necesita, especialmente diante da crise económica e social que atravesamos".

Concretamente, o goberno local pide garantías económicas para as "rendas de integración social, axudas de emerxencia social, servizo de axuda no fogar, plan concertado e programa de servizos sociais", ademais do "desenvolvemento do plan galego de inserción social, atención á comunidade xitana, a persoas sen fogar, apoio ás familias e aos equipos de inclusión social".

Entre outros, a concelleira de Benestar Social, a nacionalista María Méndez, denunciou un recorte dos recursos autonómicos nas transferencias a concellos para políticas sociais e unha rebaixa de 2,5 millóns para o Consorcio Galego de Servizos e Benestar, que afecta a centros de día e outros equipamentos sociais.

Xunto ás demandas reclamadas ao goberno autonómico en materia social, a moción aprobada compromete ao Concello de Vigo, de cara ao futuro, a manter "sen recorte algún" os investimentos en servizos sociais estipulados nos orzamentos de anos anteriores.
Descargar todas as imaxes