Escoitar

A Casa das Artes acolle visitas guiadas e gratuítas á exposición "Unha nova pinacoteca para Galicia" ata fin de ano

O Museo da Cidade organiza un programa de visitas especial durante o Nadal á exposición "Quiñones de León: unha nova pinacoteca para Galicia", que se atopa na Casa das Artes. Trátase dun programa de visitas guiadas, gratuíto e dirixido a todos os públicos para dar a coñecer dun xeito ameno e entretido a selección de 83 pezas da plástica galega dos séculos XIX e XX.

luns, 27 dec 2010
As visitas guiadas para o público en xeral, para as que non é preciso facer reserva previa, poderán facerse ata o 30 de decembro ás 19 horas. Pola súa banda, para visitar a mostra en grupo é preciso facer reserva previa no teléfono 986 29 50 70 ou no correo electrónico saves.museocastrelos@vigo.org. Deste xeito, as visitas guiadas poderán facerse en horario de mañá ou tarde.

"Quiñones de León: unha nova pinacoteca para Galicia", que estará na Casa das Artes ata o 13 de febreiro, inclúe obras de autores tan significativos como Serafín Avendaño, Maside, Sotomayor, Castelao, Laxeiro, Colmeiro e Lugrís, entre outros, parte da colección municipal de arte galega.