Escoitar

O goberno local reclama fondos e programas de cooperación á Xunta de Galicia para contratar a 450 traballadores en Vigo

O Pleno da Corporación de Vigo aprobou hoxe luns unha moción presentada polo grupo socialista solicitando á Xunta de Galicia un criterio de poboación e número de parados para repartir os fondos de cooperación entre os municipios. O Concello reclámalle tamén que abone á cidade tres millóns de euros destes fondos e conceda os obradoiros de emprego solicitados para poder crear en Vigo 450 empregos. O acordo demanda igualmente unha partida económica para manter o Plan de Inclusión Social.

luns, 27 dec 2010
1293456917santos.jpg
O concelleiro de Promoción Económica e Emprego, Santos Héctor
O Pleno da Corporación de Vigo aprobou este luns demandar á Xunta de Galicia tres millons de euros dos fondos de cooperación autonómicos e programas de emprego para Vigo que permitan contratar a 450 desempregados.

A moción, presentada polo grupo socialista e repaldada polo BNG coa oposición do PP, esixe do goberno autonómico que o reparto destes fondos entre os municipios non sexa discrecional, senón que atenda a criterios de poboación e número de desempregados. Por outra banda, o texto insta á Xunta a ter en conta o Pacto Local polo Emprego -constituido polo Concello e as principais centrais sindicais e empresariais da urbe- para deseñar as súas políticas activas de emprego en Vigo.

O concelleiro de Promoción Económica e Emprego, Santos Héctor, denunciou un uso clientelar dos fondos de cooperación entre os concellos, destinados a municipios "onde goberna o PP" e en particular con mocións de censura: "págase con diñeiro público o transfuguismo", denunciou o socialista.

Pola contra, o Goberno de España distribuiu o seus fondos estatais de 2009 e 2010 entre as localidades españolas en base á súa poboación, o mesmo sistema que lle solicita o goberno local á Xunta de Galicia. Santos Héctor rematou a súa intervención afirmando que, desde que goberna Núñez Feijóo, en Vigo incrementouse en máis de 3.200 persoas o número de desempregados. "Coa política de Feijóo e o PP non se combate a crise nin o paro nin se fai país", asegurou.

A voceira do grupo nacionalista, María Méndez, criticou pola súa banda a reducción en case 30 millóns de euros das partidas da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, o que tradúcese nun descenso de investimento e, pola contra, un incremento do gasto corrente, o que "vai en contra" da creación de emprego.

O Bloque Nacionalista Galego introduxo unha enmenda no texto finalmente aprobado destinada a que a Xunta de Galicia destine unha partida orzamentaria que permita manter o Plan de Inclusión Social.

O Partido Popular defendeu que a Xunta de Galicia destina en 2010 máis de 1.700 millóns para xerar emprego, entre os que se atopan 17 millóns de aval autonómico a Vulcano e 40 millóns para a factoría viguesa de PSA Peugeot Citroën.
Descargar todas as imaxes