Escoitar

O Imaxina Sons comeza mañá co concerto do compositor francés Martial Solal no Centro Cultural Caixanova

A sexta edición do Festival de Jazz de Vigo Imaxina Sons, promovido pola Concellería de Cultura e Animación Sociocultural, inaugúrase mañá, 23 de xuño, cun concerto de luxo protagonizado polo pianista e compositor francés Martial Solal, ás 21.30 horas no Centro Cultural Caixanova. As entradas para as actuacións que integran o festival pódense adquirir en www.caixanova.es.

martes, 22 xuñ 2010
1277210176Solal.jpg
Martial Solal é considerado unha lenda da música, e co seu proxecto Newdecaband, abre unha nova edición do Imaxina Sons plena de concertos, con Root Africaine (Romano, Sclavis, Texier) Franz Koglmann e Dave Douglas, entre outros, e outras actividades como pasarúas, mesas redondas, clases maxistrais e actividades para nenos e nenas.

Con toda a bagaxe que acumula aos seus oitenta e tres anos, Martial Solal chegou a tocar nos seus comezos con Django Reinhardt e acadou celebridade compoñendo extraordinarias bandas sonoras para o mellor cine francés. É o caso da múscia do filme À bout de souffle, de Jean Luc Godard, estreado en 1960 como peza clave na chamada Nouvelle Vague.

Foi a comezos dos anos sesenta cando forma trío con Daniel Humair na batería e Guy Pedersen, coa que acadou un gran recoñecemento nos festivais do jazz europeos. En 1963 fai a súa primeira incursión estadounidense participando no Festival de Jazz de Newport e xa na década dos setenta, graba varios discos co saxofonista Lee Konitz.

A súa presenza en Imaxina Sons era obrigada e se poden considerar como unha extraordinaria oportunidade para un festival que se alimenta do jazz europeo, para o cal Solal é un referente. Co proxecto Newdecaband o pianista reúne a colaboradores habituais, como Eric Le Lann, para un traballo vibrante que soa moi cinematográfico e que será a mellor apertura posible para a sexta edición de Imaxina Sons.

Ademais, con eles estarán no escenario de Caixanova Claude Egea e Eric Le Lann, trompetas, Jean-Jacques Justafré, trompa, Denis Leloup & Marc Roger, trombóns, François Thilliez, tuba, Thomas Grimmonprez, percusións e Jean-Philippe Morel, baixo eléctrico e acústico.

O programa do festival esténdese até o vindeiro domingo 4 de xullo e durante os doce días a librería Plaxio do MARCO funcionará como Punto Imaxina Sons con información e merchandising do festival, así como publicacións e música á disposición dos visitantes.

Na segunda xornada de Imaxina Sons os protagonistas serán os nenos e nenas de máis de 3 anos, aos que vai dirixido o espectáculo Botazz! O swing do jazz. A obra estrearase no recén remodelado Auditorio Municipal o xoves, 24 de xuño, en funcións ás 12, 17.30 e 19 horas.

A concellería de Cultura e Animación Sociocultural informa tamén da cancelación do concerto do pianista Lluís Vidal, previsto para o domingo 27 ás 19.30 horas no Conservatorio Superior de Vigo, debido a problemas de saúde.
Descargar todas as imaxes