Escoitar

Caballero reitera que o Concello dará todas as bolsas de comedor solicitadas aos escolares que o precisen

O goberno local aprobou este luns o convenio de colaboración coa Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos (FOANPA), polo que o Concello subvenciona con 476.000 euros o funcionamento da entidade, as actividades extraescolares que organiza e a prestación de servizos de comedores de ensino público de infantil e primaria. O alcalde recordou que, ante a crise, o Concello dará as bolsas de comedor que sexan precisas.

luns, 21 xuñ 2010
1277123923IMG_0170.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, reiterou este luns o compromiso municipal de conceder todas as bolsas de comedor escolar a todos os alumnos que, cumprindo cos requisitos estipulados, o soliciten.

Así o indicou o alcalde este luns, despois de que a Xunta de Goberno Local validase o texto do convenio de colaboración entre o Concello de Vigo e a Federación Olívica de Asociación de Nais e Pais de Alumnos (FOANPA), que estipula unha achega municipal de 476.000 euros para o financiamento da organización.

Caballero recordou que FOANPA traballa na formación de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos, realiza actividades extraescolares nos centros educativos e ademais presta os servizos de comedores das ANPA de ensino público infantil e primaria.

O socialista sinalou que "non hai límite" á concesión de bolsas municipais de comedor para os escolares que o teñan solicitado, e "non se quedará ningún alumno" sen a súa subvención independentemente do número que as soliciten.

O alcalde demandou á Xunta de Galicia que amplíe os comedores escolares dos colexios públicos de Vigo que o precisen, atendendo ás súas competencias, o que o Concello xa está a facer en parte, segundo apuntou.

Outros acordos
A Xunta de Goberno Local celebrada este luns tamén deu luz verde á adxudicación definitiva das obras de construcción dunha Escola de Música en Beade, por valor de 242.000 euros. Segundo afirmou o rexedor, en octubre estará rematada a nova dotación municipal.

Caballero aseverou que a de Beade ten lugar con posterioridade á realizada na parroquia de Bembrive e será previa á Escola de Música municipal prevista para Valladares, co que ao longo do mandato serán tres novos centros musicais na cidade de Vigo.

Por outra banda, o primeiro edil tamén deu conta do acordo adoptado polo goberno local para aprobar o proxecto para a mellora do parque da Riouxa, en Teis. O Concello acometerá con 57.500 euros o acondicionamento ambiental do entorno, a instalación dun circuito biosaudable para as persoas maiores e a mellora do parque infantil.
Descargar todas as imaxes