Escoitar

Vigo é desde hoxe luns o centro do debate do deporte universitario coa participación de 72 países no Forum FISU

Cun cheo case absoluto no auditorio do Centro Social Caixanova, o Forum FISU Vigo 2010 comezou esta mañá con 72 países participantes dos cinco continentes, confirmando o que xa se aventuraba días antes: que este congreso mundial de deporte universitario é marca de asistencia (269 delegados de todo o mundo, entre oficiais e estudantes), o que confirmou á Federación Internacional de Deporte Universitario o valor actual deste encontro do deporte de todo o planeta.

luns, 21 xuñ 2010
1277124835fisu.jpg
Tras o desfile de bandeiras, portadas por voluntarios, deuse paso á benvida do comité organizador local a través do novo reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, que se sentía feliz polo seu primeiro acto oficial tras o seu nomeamento; Santiago Domínguez, tenente de alcalde de Vigo; e José Ramón Lete, secretario xeral para o Deporte.

No encontro tamén interviron o alcalde da cidade, Abel Caballero, o presidente da FISU, George E. Killian, e o presidente do CESU, Claude-Louis Gallien. O alcalde deu a benvida a todos os participantes á nosa cidade e lembrou a vinculación que Vigo ten coa familia FISU. A este respecto sinalou a nosa aposta por ser sede dunha Universiada, que se mantén viva.

Santiago Domínguez, como presidente honorífico do comité organizador, aludiu ao espírito FISU para asegurar que impregna "aos nosos universitarios; Vigo é unha cidade do deporte, para o deporte e que vive intimamente o mundo do deporte". O político nacionalista puxo á Universidade de Vigo como exemplo de "traballo, rigor e investigación", e afirmou que en Vigo se vive moi directamente o medio ambiente, o liderado feminino e o recoñecemento académico, os temas do Forum. Para el, "Vigo tamén é gastronomía e é mar, onde queremos que vos sintades como en casa".

Santi Domínguez, que recibiu unha placa de recoñecemento de George E. Killian, presidente da FISU, nunha cerimonia que contou coa actuación do gaiteiro Xosé Manuel Budiño, tamén asegurou na súa introdución xeral do Forum que o Concello estaba "moi involucrado" na organización, aplaudiu o traballo do equipo de Xabier Alonso, concelleiro de Deportes, e expresou que desta semana sairán as liñas estratéxicas de futuro para que o acceso á práctica do deporte non conclúa no Bacharelato. "Pretendemos non decepcionar aos mozos e mozas que empezan no deporte porque debemos seguir acompañándoos; o deporte non é só competición, senón tamén pracer, saúde e goce", concluíu.

Ademais, Domínguez Olveira expresou o seu firme desexo de que este congreso sirva para impulsar o protagonismo da muller no deporte, e puxo como exemplo a mesa de autoridades, na que sentaban só homes. "Temos que ser autocríticos", dixo.

Ao longo da cerimonia entoouse o "Gaudeamus Igitur", himno da FISU, mentres se izaba a bandeira da Federación Internacional.
Descargar todas as imaxes