Escoitar

O Museo de Castrelos acolle o domingo o obradoiro para familias "Landriña descobre a mitoloxía"

O Museo de Castrelos acollerá o vindeiro domingo, 20 de xuño, unha nova edición do programa para familias "Domingos de museo". Nesta ocasión será o obradoiro "Landriña descobre a mitoloxía", que se desenvolverá de 11:30 a 13:30 horas, segundo avanza o concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez.

venres, 18 xuñ 2010
Landriña, a mascota do museo, propón unha nova ruta polo Museo da Cidade, na que a través dos cadros e obxectos das coleccións os participantes poderán descubrir mitos e historias, asía como os principais deuses e monstros xurdidos na mitoloxía occidental.

Durante a visita, a mascota proporá varios xogos de observación relacionados coa temática de este domingo. Para rematar a visita, os nenos e nenas realizarán unha actividade relacionada coa creación e orixe dos mitos no obradoiro.

"Domingos de museo" é un programa que ten por obxectivo de dar a coñecer o Museo da Cidade a todos os públicos. De carácter gratuíto, está actividade está dirixida a nenos e nenas entre os 4 e os 12 anos, aínda que os familiares que acompañan aos rapaces e rapazas poden participar tamén na actividade ou ben deixalos ao coidado dos educadores e educadoras.

O Museo da Cidade tamén organiza visitas guiadas para o público, tanto ao pazo, os martes, mércores, xoves, venres e domingo ás 12 horas, como ao xardín histórico, que se realizan os martes, mércores, xoves, venres e domingo ás 13 horas. As visitas guiadas ao pazo e ao xardín histórico para grupos e asociacións poden realizarse, facendo reserva previamente, os martes, mércores, xoves e venres ás 12 horas. Ademais, as visitas guiadas á sala de arqueoloxía e a participación no obradoiro de arqueoloxía, destinado a todos os públicos, pódese facer no horario de apertura do Pazo, previa reserva.

O museo tamén organiza un programa para escolares que leva a cabo visitas para grupos de infantil, primaria e secundaria os martes, mércores, xoves e venres de 10 a 12 horas. É preciso facer a reserva previamente nos teléfonos 986 295 070 e 986 239 372 ou no correo electrónico saves.museocastrelos@vigo.org.

Estas visitas complétanse cos percorridos guiados ao Xacemento de O Castro en horaio, de maio a setembro, todos os días agás luns de 10 a 13 horas e de 17 a 20 horas, e de outubro a abril, todos os días agás luns de 10 a 14 horas e de 16 a 18 horas; así como as visitas guiadas ao Xacemento da Villa Romana de Toralla, en horario, de outubro a maio, os martes, venres, sábado e domingo de 12 a 18 horas e de xuño a setembro, de martes a domingo de 12 a 20 horas.