Escoitar

Santos Héctor indica que o Concello creou en tres anos 8.300 postos de traballo na cidade

O concelleiro de Promoción Económica e Emprego fixo este xoves balance das accións municipais en materia de traballo, e recordou que os 14 programas municipais de emprego xeraron en tres anos 1.300 empregos, aos que sumados os fondos estatais e os investimentos propios do Concello dan 8.297 postos de traballo. O Plan Municipal de Emprego que desenvolve o departamento do socialista destinou máis de 18 millóns a formación e inserción laboral nos últimos tres anos.

xoves, 17 xuñ 2010
1276771763santos.jpg
O concelleiro de Promoción Económica e Emprego, Santos Héctor, cifrou hoxe xoves en 8.300 os postos de traballo xerados polo Concello nos últimos tres anos a través de distintos programas de emprego.

Nunha rolda de prensa de balance, o socialista recordou que o Plan Municipal de Emprego 2007-2011 ten en funcionamento 14 programas que deron asesoramento a 2.300 cidadáns, formación a outros 1.800 e emprego directo a 1.300 persoas máis durante alo menos 6 meses.

Segundo indicou Héctor, o investimento dedicado polo Concello a emprego nos últimos tres anos superan os 18 millóns de euros, dos que 14,6 foron conseguidos mediante recursos externos -incluídos os 5 millóns de euros do Plan Teis- e o goberno local destinou outros 4,3 millóns ao efecto.

Cos distintos programas municipais, o Concello procura "promover o emprego e a formación", en particular para colectivos con dificultades de inserción no mercado laboral como a xuventude, apuntou o edil.

Dentro das 14 iniciativas municipais hai programas de cooperación coa Xunta de Galicia, obradoiros de formación e contratación destinados a menores de 25 anos, asesoramento a emprendedores, de fomento do cooperativismo, medioambientais e de formación e inserción en empresas, entre outros.

Santos Héctor tamén avanzou que o Pacto Local polo Emprego será asinado próximamente polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, e representantes da Confederación de Empresarios de Pontevedra, das asociacións de Jóvenes Empresarios e de Mulleres Empresarias e as tres centrais sindicais maioritarias.

Automoción
O socialista eloxiou a defensa realizada polo alcalde dos sectores estratéxicos para a economía da cidade, como a pedra natural, o naval, a pesca ou a automoción. Sobre o sector do automóbil, Héctor asegurou que a presencia de Abel Caballero na Mesa estatal da Automoción foi clave en que a factoría de Vigo de PSA Peugeot Citroën fora a que máis axudas percibíu de España para o seu plan estratéxico.

Igualmente, o concelleiro explicou que o alcalde mediou cos ministros de Industria e Traballo para garantir a pervivencia do turno de noite da planta de Vigo de PSA, unha vez os dirixentes da fábrica manifestaron ao socialista a posibilidade de que desapariciese dentro da reforma laboral promovida polo goberno central. "Iso é emprego", concluíu Santos Héctor.
Descargar todas as imaxes