xoves, 17 xuño 2010

Santos Héctor indica que o Concello creou en tres anos 8.300 postos de traballo na cidade

O concelleiro de Promoción Económica e Emprego fixo este xoves balance das accións municipais en materia de traballo, e recordou que os 14 programas municipais de emprego xeraron en tres anos 1.300 empregos, aos que sumados os fondos estatais e os investimentos propios do Concello dan 8.297 postos de traballo. O Plan Municipal de Emprego que desenvolve o departamento do socialista destinou máis de 18 millóns a formación e inserción laboral nos últimos tres anos.

Santi Domínguez anuncia que o Auditorio Municipal acollerá dende o martes 22 un programa estable de artes escénicas

xoves, 17 xuñ 2010

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, anunciou este xoves que o remodelado Auditorio Municipal se inaugurará o vindeiro martes, 22 de xuño, cun espectáculo de danza a cargo do compañía de Quique Peón, e a partir desa data acollerá unha programación municipal estable das artes escénicas. Na visita que realizou esta mañá ao Auditorio, na que tamén participou o concelleiro de Cultura, Xesus López, o nacionalista destacou que a reforma permitiu solucionar as "innumerables deficiencias e carencias que viña arrastrando de hai moitos anos".

Tenencia e Benestar destinan 54.000 euros a apoiar o labor de Afaga, Asociación de Persoas Xordas e Menela

xoves, 17 xuñ 2010

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e a concelleira de Benestar Social, María Méndez, anunciaron este xoves a renovación dos convenios con outras tres entidades sociais da cidade, como son Afaga (Asociación Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia), a Asociación de Persoas Xordas e a Fundación Menela. O nacionalista subliñou a continuada aposta da Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Benestar Social "polo labor que desenvolven as entidades de carácter social que se unen ao noso traballo por dar resposta ás necesidades das persoas".

Santi Domínguez destaca que as competicións de billar que comezan mañá deixarán un retorno económico de 4 millóns

xoves, 17 xuñ 2010

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, presentou este xoves as competicións de billar que comezan mañá en Vigo, como son o Campionato Galego, que se celebrará dende mañá 18 de xuño ao 9 de xullo, o IX Campionato de España de Billar Pool, que terá lugar do 21 ao 26 de xuño e o Open Intercontinental, os días 24 e 25 de xuño. Destacou que a celebración destas probas no Ifevi supón a presenza de arredor de 10.000 persoas na cidade e un retorno económico próximo aos 4 millóns de euros.

Vigo recibe mañá venres o premio Cocemfe 2010 polo traballo a prol da mobilidade e a integración das persoas con discapacidade

xoves, 17 xuñ 2010

O Concello de Vigo recibirá mañá en Madrid o premio Cocemfe 2010, concedido pola Confederación de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (Cocemfe) polo seu traballo a prol da mellora da accesibilidade e integración das persoas con discapacidade. O galardón recoñece os programas postos en marcha dende as distintas áreas do goberno da cidade para dar resposta ás dificultades coas que se atopan as persoas con discapacidade.