Escoitar

O Pleno modifica o Plan Económico Financeiro municipal para adaptalo ao Real Decreto contra o déficit

A Corporación, cos votos favorables de PSdeG e BNG e a oposición do PP, validou este martes modificar o Plan Económico Financeiro municipal para incluir as medidas legais aprobadas polo Estado no Real Decreto: a reducción media do 5% nos salarios dos funcionarios, a dos cargos electos -que en Vigo será dun 15%- e a imposibilidade de endebedarse no ano 2011. A aplicación do Decreto suporá un aforro ás arcas municipais de 1,8 millóns de euros.

martes, 22 xuñ 2010
1277208810raquel.JPG
O Pleno da Corporación Municipal, reunido hoxe martes en sesión extraordinaria, aprobou modificar o Plan Económico Financeiro municipal para adaptalos ás medidas contra o déficit público decretadas polo Goberno de España.

Co respaldo do PSdeG e do BNG e a oposición do PP, o Pleno adoptou a decisión de incluir no documento a normativa legal do Real Decreto, modificación reclamada desde a Xunta de Galicia a todas as entidades locais con Plans en marcha e, no caso vigués, cara á súa aprobación definitiva.

A concelleira de Economía e Facenda, a socialista Raquel Dïaz, explicou que, tras o acordado hoxe, o Plan Económico Financeiro xa contempla a reducción das retribucións dos empregados públicos -nunha media dun 5%-, a debaixa dos soldos dos cargos públicos -que no caso de Vigo será dun 15%, por acordo dos tres grupos políticos- e a imposibilidade de recurrir á debeda no ano 2011.

Os datos do Concello cifran en 1,8 millóns de euros o aforro para o Concello en 2010, derivado da aplicación do Real Decreto na administración local. A propia normativa estatal estipula que os cartos aforrados irán destinados á reducción da débeda municipal -a menor dos grandes concellos españois-, unha vez que o Concello non ten "remanentes negativos que sanear".

Raquel Díaz anunciou asemade que os 500.000 euros que o Concello deixará de abonar en concepto de tipos de interese en 2011 irán destinados a investimentos. A edil socialista recordou que o orzamento municipal caracterízase pola súa aposta pola "transformación da cidade" e polas "políticas sociais".

O Partido Popular criticou a "irresponsabilidade" do goberno local por solicitar crédito este ano por valor de 27 millóns de euros, o que consideran incoherente co aforro derivado da aplicación do Real Decreto. Sinalaron que o Plan está "plagado de erros" e denunciaron o "despilfarro" do goberno.

A edil de Economía, Raquel Díaz, e o tenente de alcalde, Santiago Domínguez, denunciaron a "irresponsabilidade" dos gobernos do PP na Deputación de Pontevedra e na Xunta de Galicia, con "cero euros" de investimentos en Vigo e "discriminación" á cidade olívica.

Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, en declaracións posteriores aos medios de comunicación, estimou que en "unha ou dúas semanas" o Plan Económico Financeiro estará aprobado pola Xunta de Galicia pois "cumpre con todos os requisitos". Caballero recordou ademais que o Concello de Vigo é o gran concello en réxime común con menor endebedamento de España, únicamente por debaixo de Bilbao, que ten réxime foral.
Descargar todas as imaxes