Escoitar
Equivale aproximadamente á distancia entre Vigo e Pontevedra

Vigo substituíu preto de 26.000 metros de rede de abastecemento, saneamento e pluviais na cidade durante 2009

O balance de Aqualia foi presentado hoxe martes coa presenza do alcalde, Abel Caballero, e a edil de Vias e Obras, Isaura Abelairas. O 37% de rede substituída correspóndese con saneamento, o 33% con abastecemento e o 30% restante con pluviais. A rede de abastecemento substituída incrementouse nun 111% con respecto a 2008. O consumo de auga en Vigo está por baixo da media autonómica e estatal con 130,96 litros/día.

martes, 22 xuñ 2010
1277209250aqualia.jpg
Vigo substituíu en 2009 un total de 25.949 metros de rede de abastecemento, saneamento e pluviais na cidade, o equivalente á distancia aproximada entre Vigo e Pontevedra. En concreto, a substitución de rede de abastecemento incrementouse nun 111%, con respecto a 2008, ano no que se renovaron 4.100 metros de rede.

Abel Caballero, alcalde de Vigo, atribuíu este incremento ao esforzo que o Concello e aqualia están a realizar por renovar as infraestruturas en materia de abastecemento e saneamento de auga na cidade. "O traballo que estamos a desempeñar ten como obxectivo mellorar os servizos municipais da auga supervisado todo por estritos e rigorosos sistemas de calidade. As obras de humanización realizadas na cidade permitiron a revisión da rede de auga e a mellora naquelas zonas que necesitaban ser substituídas. Estamos a transformar a cidade por fóra e por dentro".

José María Ardoy, director de aqualia Vigo, destacou que a empresa aposta pola innovación e o desenvolvemento de novos sistemas que permitan garantir o mellor servizo aos seus clientes. "En 2008 puxemos en marcha a factura electrónica que permite a recepción da factura directamente no e-mail do cliente contribuíndo ao desenvolvemento sustentable. Consideramos que foi unha medida que calou na cidade xa que un total de 3.408 vigueses solicitárona durante o pasado ano, un 62% máis que en 2008. Ademais, a través do servizo aqualia Contact, o centro de atención virtual accesible que aforra tempo e desprazamentos, respondemos a 37.542 clientes".

Consumo de auga
En 2009, Vigo reduciu o seu consumo de auga en máis de 1,5 millóns de metros cúbicos con respecto a 2007. En palabras do rexedor vigués, a cidade está cada vez máis concienciada por levar a cabo un consumo responsable da auga. "Proba diso é que cada vigués consome unha media de 130,96 litros/día, un 10,8% menos que hai 9 anos e por baixo da media estatal e autonómica que se sitúan nun consumo medio de 157 e 143 litros/día, respectivamente", apuntou Caballero quen ademais, indicou que esta redución está motivada por varias actuacións entre as que destacan os sistemas de telecontrol, que permite controlar diariamente os consumos dos depósitos, a sectorización na rede, a renovación de contadores (o pasado ano cambiáronse 7.212 contadores, o 6,1% do total) e a alerta aos clientes con consumos excesivos, entre outras.

O consumo de auga por parte das empresas tamén se reduciu na cidade en máis dun 20% pasando dos 914 no ano 2000 aos 728 litros de 2009.

Ciclo integral da auga
En 2009, captáronse 35.885.953 m3 de auga, 138.734 m3 menos que en 2008. O servizo municipal de auga de Vigo dispón de tres captacións diferenciadas para a auga de subministración domiciliaria, o manancial de Bembrive - Beade e as presas de Eiras e Zamáns. As presas de Eiras e Zamáns mantiveron uns niveis similares aos de 2008. En concreto, a presa de Eiras que tivo un volume máximo de 20,69 Hm3, contou cun nivel medio de capacidade do 91,10% en 2009. Pola súa banda, a presa de Zamáns ten un volume máximo de 1,99 Hm3 e durante o pasado ano, tivo unha capacidade media de 94,95%.

As infraestruturas que xestiona aqualia en Vigo comprenden na actualidade 21 depósitos cunha capacidade de preto de 200.000 m3 o que equivale a case 87 piscinas olímpicas. Conta con 1.027 km de redes de abastecemento e 9 bombeos. A potencia instalada nos 9 bombeos de abastecemento é de 2.758 kW. Hai 20 anos, as infraestruturas da cidade só contaban con 14 depósitos e 484 km de redes de abastecemento.

As dúas Estacións Depuradoras de Augas Residuais (Lagares e Teis) depuraron 66.277.963 m3 de auga durante o pasado ano.

Xestión de clientes
En 2009, aqualia Vigo atendeu a máis de 37.542 clientes. De todos eles, 26.083 foron atendidos en caixa, 2.787 foron atencións técnicas e preto de 8.672 contratacións/reclamacións. O ano pasado, a atención en aqualia Contact foi de 59.430 contactos. Destes, o 64% foron consultas, as 26% solicitudes, as 9,72% avarías e menos do 0,28%, reclamacións.

A maior infraestrutura de Galicia
aqualia, pertencente ao grupo FCC, é a empresa concesionaria da xestión integral da auga en Vigo, desde 1991. En Vigo, aqualia conta cunha rede de distribución de 1.027 Km. e abastece a máis de 300.000 habitantes, o que a converte na maior infraestrutura de Galicia.

Na cidade de Vigo, aqualia conta con empregados altamente cualificados nas diversas áreas para ofrecer a xestión integral de servizo público da auga.

aqualia xestión integral da auga S.A. é a empresa do Grupo FCC, primeiro grupo español de servizos públicos, para a actividade auga. É, nestes momentos, a única empresa española que dá resposta a todas as necesidades ligadas aos distintos usos da auga: agrícola, industrial e consumo humano, sendo a súa actividade principal a xestión de Servizos Municipais. Cunha penetración do 34% no mercado de xestión indirecta da auga en España, está presente en máis de 1.100 municipios e atende a unha poboación superior aos 26.000.000 de habitantes en todo o mundo. Máis de 7.000 traballadores, de formación altamente cualificada e multidisciplinar, aplican os últimos avances tecnolóxicos, para dar aos seus clientes as respostas e solucións que optimicen o servizo ao máximo.
Descargar todas as imaxes