Escoitar

Santi Domínguez critica que Corina Porro repita erros do pasado "mantendo as parceliñas de poder no Porto"

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, criticou este venres que a presidenta da Autoridade Portuaria non teña unha "visión integral" do Porto e non escoite a todas as partes que teñen algo que dicir. "Estamos caendo nos erros que se cometeron sempre co Porto, non actuando nel de forma integral, senón como auténticas parceliñas e respectando as parceliñas de poder que hai nel", lamentou o tenente de alcalde no transcurso dun almorzo informativo con xornalistas.

venres, 11 set 2009
1252674709almorzoinformativo.jpg
Santi Domínguez resaltou que o curso político que comeza ten que ser o curso no que se chegue ao consenso das ditintas forzas políticas e da Autoridade Portuaria "sobre o que queremos facer no Porto". Neste sentido expresou que dende o BNG "agardamos que as forzas políticas e a Autoridade Portuaria recollan o reto de acadar este consenso", pero no a calquera prezo, senón poñendo "enriba da mesa" os criterios medio ambientais e o Plan de Usos. Segundo o tenente de alcalde, para elo é fundamental escoitar a todas as partes afectadas, "e nón só unha das das partes afectadas, como son os usuarios como está facendo a presidenta do Porto".

"Se eu fora presidente da Autoridade Portuaria e me fora a presentar candidato á Alcaldía me preocuparía antes de marchar de deixar o consenso acadado", sinalou o nacionalista, para quen Corina Porro non poderá escudarse na falta de tempo posto que cando aceptou o cargo o fixo sabendo "que só tiña dous anos", como ela mesmo ten recoñecido. Neste sentido lembrou "o camiño trazado" polo anterior presidente do Porto, Xesús Paz, co que asegurou "ter sintonía sen que fora sospeitoso de pertencer a mesma formación política". Pola contra criticou que coa actual presidenta "esteamos asistindo a presións sobre o Porto sen que a Autoridade Portuaria escoite a todas as partes".

Segundo o tenente de alcalde, "non se pode falar de ampliación do Porto ou de Plan Nouvel se non nos sentamos en torno ao Plan de Usos". Ao respecto indicou que "asistimos a cortinas de fume" e denunciou que precisamente Corina Porro teña dito que ela ten parado os recheos. "Hai anos o BNG abandeirou o non aos recheos e entón se nos tildaba de retrógrados. Salían os presidentes do Porto, entón do PP, criticándonos, e agora Corina Porro di que ele acabou cos recheos", lembrou Santi Domínguez. O nacionalista quixo precisar ao respecto que un alcalde nacionalista, Lois Pérez Castrillo, presentou un recurso e logrou paralizar o recheo do Areal, porque non estaba xustificado.

"A posición do BNG sempre vai ser a mesma, sempre vai a primar os criterios medio ambientais e sempre vai pedir enriba da mesa o Plan de Usos", reiterou. Por outra banda, lembrou que o presidente ou presidenta da Autoridade "non se presenta ás eleccións nin é elixido pola cidadanía", polo que reclamou que respecte "á cidade e ás tres forzas políticas da corporación municipal".

PXOM
O tenente de alcalde tamén fixo referenza ao anuncio que fixo o Partido Popular de iniciar a tramitación dun novo Plan Xeral para Vigo e lamentou a "esquizofrenia política" que neste sentido amosa o PP. Sinalou que por unha banda os populares dicían que o actual PXOM era practicamente o mesmo que o que iniciaron eles, pero que sin embargo, non lle deron a súa aprobación no pleno "poñendo a desculpa da vivenda protexida".

"O Partido Popular di que esta cidade está parada por culpa do PXOM pero quere metela sete anos máis na tramitación dun novo Plan Xeral", dixo o nacionalista en referenza as declaracións aparecidas nos medios. Lembrou que o plan contou co "máximo apoio" de distintos colectivos e negou rotundamente que o PXOM estivera parado por ser un mal plan, senón que se non está sendo desenvolvido é pola crise económica. "Falo con promotores e inmobiliarias e din que no momento no que as entidades financieiras abran o grifo do financiamento, comezarán a edificar na cidade", manifestou.

Depuradora
"Outro dos temas no que o BNG vai a dar a guerra neste novo curso político e no da depuradora", adiantou o responsable nacionalista. Segundo Santi Domínguez, "é unha irresponsabiliade non dar a batalla para que este tema avance" e lamentou que nin o goberno central nin o autonómico se dean conta "do significado do saneamento da nosa Ría". Santi Domínguez anunciou que transmitirá á deputada do BNG no Parlamento estatal Olaia Fernández Davila que unha condición imprescidible para dar o apoio aos orzamentos do Estado é "chegar a un acordo para a depuradora de Vigo".

Orzamentos
Respecto aos orzamentos para o 2010, o tenente de alcalde considerou que a crise económica está afectando en Vigo en "distinta proporción a outros lugares", polo que ao seu xuízo merece moito máis do que se lle ten dado". Indiciu que Vigo debe ter "un trato privilexiado" ao goberno central e á Xunta.

En canto á Deputación, reclamou do seu presidente "que se deixe de demagoxia" e diga onde están os 35 millóns dos que fala que quería investir en Vigo". Se eses 35 millóns non están en ningunha partida para o 2009, reto a Louzán a que os consigne para o 2010 e como tenente de alcalde me comprometo a non tardar máis de dous días en presentarlle proxectos por valor deses cartos para que os poida investir e asinar un convenio", manifestou.

Respecto aos orzamentos municipais de 2010, Santi Domínguez salientou ten que ser anticrise e o seu obxectivo fundamental debe ser o de poñer en marcha medidas para paliala crise. Neste sentido afirmou que incrementarase o gasto en servizos sociais. "Non entendo como o PP pode dicir que en tempo de crise non se poden aumentar os orzamentos, se é precisamente neste momento cando é máis necesario", apuntou. En segundo lugar, afirmou que os orzamentos deben "incentivar o investimento en Vigo a través de obras, promoción da cidade, traer grandes eventos internacionais culturais e deportivos". Finalmente, destacou que os orzamentos teñen que seguir apostando polo Cascco Vello, "porque tamén crea riqueza", e polo mediano e pequeño comercio e os mercados municipais.

Área metropolitana
O tenente de alcalde criticou o cambio de postura do PP respecto á Área Metropolitana, xa que ao seu xuízo, defendeu a súa creación con catorce concellos cando contaba coa maioría de alcaldes, sendo Lois Pérez Castrillo o único alcalde nacionalista. Santi Domínguez indicou que actualmente, os populares tratan de recompoñer esa maioría, "non con votos, senón comprando os gobernos, como os casos de Mos e Gondomar". Proba desto é, segundo o nacionalista, que o PP boicotea a mancomunidade.

"O BNG sempre apoiará a creación da área metropolitana, pero contando con capacidade xurídica, financiamento e competencias propias nos grandes temas", subliñou, o cal suporía que a Deputación "quede coa metade das súas funcións".
Descargar todas as imaxes