Escoitar

A Casa das Artes amosa as obras mestras de Maruja Mallo

A exposición retrospectiva que a Fundación Caixa Galicia dedica en Vigo a Maruja Mallo, a artista plástica máis relevante da historia da arte galega e española do século XX, será inaugurada na tarde do xoves, polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, o conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia, Roberto Varela, o director de Proxectos da Sociedade Estatal de Conmemoracións Culturais, Xosé Luis García Canido, e o director xeral de Caixa Galicia, José Luis Méndez. <br /> <br /> A mostra reúne na Casa das Artes viguesa, ata o vindeiro día 10 de xaneiro, 142 pezas que conforman "a maior e máis exhaustiva retrospectiva dedicada á gran transgresora da xeración do 27", segundo sinalou a directora da Fundación Caixa Galicia, Teresa Porto, na rolda de prensa de presentación da exposición.

xoves, 10 set 2009
1252582541rostrodemujer.jpg
Acompañada polos comisarios, Fernando Huici e Juan Pérez de Ayala, e polo representante da Sociedade Estatal de Conmemoracións Culturais, Teresa Porto quixo destacar "a importancia e a urxencia dunha iniciativa que debe recuperar e restaurar a determinante achega de Maruja Mallo ás vangardas do século XX, hasta hai moi pouco", engadiu, "inxustamente valorada, ensombrecida polo seu doloroso exilio e, seguramente tamén, por ser unha muller adiantada ao seu tempo".

Organizada pola Fundación Caixa Galicia como episodio central da programación que conmemora o seu vixésimo aniversario, coa colaboración da Sociedade Estatal de Conmemoracións Culturais e o concello de Vigo, esta exposición ordenouse en torno ás dez salas que percorren a totalidade da obra e a vida da xenial artista.

O extraordinario desenvolvemento experimentado polos estudos en torno a esta fascinante figura, así como a localización, moi recentemente, de obras fundamentais que se encontraban en paradoiro descoñecido, converteron esta retrospectiva na máis rigorosa de cantas se realizaron ata o de agora.

Os visitantes que se acheguen á Casa das Artes de Vigo poderán gozar, por primeira vez nun mesmo espazo, dun detallado percorrido polo traballo de Maruja Mallo ao longo de máis de cincuenta anos (dende o óleo ‘La isleña’, con data de 1927, ata ‘Protoesquema’, lenzo con data de 1982).

As obras mestras da pintora luguesa achéganse, na montaxe, con debuxos e bosquexos que revelan o seu proceso creativo nun itinerario que, a través de numerosas fotografías e publicacións de época, propón un minucioso achegamento documental á súa biografía.

Breve biografía

Ana María Gómez González, nome real de Maruja Mallo, naceu en Viveiro en 1902. Tras pasar a súa infancia entre Galicia e Asturias, en 1922 trasladouse definitivamente coa súa familia a Madrid. O traballo de Insua y Cal certifica que a artista viviu en Galicia ata los 11 anos, pasando diferentes estancias en Viviero, Corcubión, A Coruña e Vigo. Estudou Belas Artes na Academia de San Fernando, coma o seu irmán Cristino, coincidindo neste centro con Dalí, con quen tivo unha relación moi próxima. Na Residencia de Estudiantes tomou contacto co Surrealismo e a Xeración do 27, especialmente con Buñuel, García Lorca, Alberti, Dalí e Pepe Bello.

En 1927 coñece persoalmente a Ortega y Gasset e comezou a colaborar como ilustradora na Revista de Occidente, onde realizou a súa primeira exposición individual, que tivo un gran éxito. O traballo que realizaba naquel momento consistía en lenzos con temas de verbena e estampas de motivos urbanos e cinematográficos.

Catro anos despois da súa primeira exposición unha pensión da Junta de Ampliación de Estudios de Madrid permitiulle viaxar a París, onde tomou contacto co grupo surrealista francés. Neste momento a súa pintura sufriu un cambio radical. Baseándose nas consignas do Manifiesto de André Bretón realizou unha serie tremendista chamada Cloacas y Campanarios onde os protagonistas eran tétricos esqueletos, espantallos e cloacas. Este, impresionado polo traballo da pintora, comprou un cadro na súa exposición individual na Galería Pierre Loeb.

Ao volver a España gañou unha praza de profesora de debuxo do Instituto de Arévalo (Ávila). Posteriormente foi profesora na Escuela de Cerámica de Madrid e na Residencia de Estudiantes. Nos anos previos á Guerra Civil, tras a súa estanza en París, e sobre todo debido á súa inclusión no grupo de Torres García, realizou composicións baseadas en estudos xeométricos, intentando crear unha linguaxe universal baseada nos principios da xeometría.

Tras o estalido da Guerra Civil, exiliouse a Bos Aires, onde seguiu co seu traballo pictórico e realizando numerosas exposicións, colectivas e individuais, ademais de impartir conferencias, tanto en Arxentina como en Chile ou Uruguai, países que visitaba con frecuencia. Integrouse no contexto sudamericano relacionándose, non só cos intelectuais exiliados, senón tamén cos dos países que visita, sobre todo a través de Pablo Neruda e Victoria Ocampo. En 1961 volveu definitivamente a España, instalándose en Madrid, onde retomou a colaboración coa Revista de Occidente. Nesta época a temática da súa pintura está condicionada polo interese da pintora polas ciencias ocultas e o esoterismo. Realizou unha carpeta de litografías como homenaxe á Revista de Occidente, e recibiu a Medalla de Oro de Bellas Artes de la Comunidad de Madrid e da Xunta de Galicia.

Faleceu en Madrid en febreiro de 1995, poucos meses despois de que o CGAC (Centro Galego de Arte Contemporáneo) realizase a súa primeira exposición antolóxica en España.
Descargar todas as imaxes