Escoitar

Xabier Alonso aplaude a traxectoria do Pilotes e di que o Cidade de Vigo, diante do Dunkerque, será "un espectáculo"

O Trofeo Cidade de Vigo de balonmán masculino volve a escena este venres (21.00 horas, As Travesas) cun partido que significará o primeiro ante os seus siareiros do Pilotes Posada, equipo vigués da Liga Asobal, segundo anunciou este martes o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso.

martes, 11 ago 2009
1249995673balonman.JPG
Por sexta edición consecutiva o evento ten carácter internacional, ao enfrontarse o conxunto que adestra Quique Domínguez ao Dunkerque, cuarto clasificado da potente liga francesa e que disputa competicións europeas. Para o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, o partido "ten o aliciente de ver como está o Pilotes", que fixo oito fichaxes este verán. O edil nacionalista animou ao público a acudir a un encontro que terá entrada gratuíta, e aplaudiu "o esforzo económico importante feito" polo presidente académico, Javier Rodríguez, "para non perder potencial" na mellor liga do mundo. "O espectáculo deportivo no Cidade de Vigo está garantido", concluiu.

Pola súa banda, Javier Rodríguez destacou que o Dunkerque, que abre en Vigo un minixira que irá tamén a Cangas e Pontevedra, "é un histórico e un dos mellores equipos de Francia, co que o Cidade de Vigo vai ser un dos mellores e con máis calidade técnica da historia". Para el, o favorito é o sete francés, aínda que para o conxunto rojillo "é básico gañar o torneo da nosa cidade". Tanto o concelleiro como o directivo coincidiron en que o público "vai gozar".

O Trofeo Cidade de Vigo, sempre organizado polo Pilotes Posada, comezou en 1991 e das dezaseis edicións vividas (só faltou en 1998 e 2008) o Pilotes gañou nove, sendo o resto de triunfos para Frigoríficos Morrazo (1991), Atlético de Madrid


(1993), ABC Braga (1995), Valladolid (1997), Cajapontevedra Teucro (1999), Gáldar (2002) e F.C. Porto (2004).

Ademais, a directiva académica aproveitará o encontro con entrada de balde para dar comezo á campaña de Siareiros 2009/2010. Rodríguez dixo que polo de agora están tendo moitas chamadas para renovar o abono ou facer novos siareiros.
Descargar todas as imaxes